Chove en Santiago, meu doce amor…

Chove en Santiago

meu doce amor.

Camelia branca do ar

brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago

na noite escura.

Herbas de prata e de sono

cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,

laio de pedra e cristal.

Olla no vento esvaído

soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar

Santiago, lonxe do sol.

Ãgoa da mañán anterga

trema no meu corazón.

            (Federico García Lorca)

Chove en Santiago é un dos Seis poemas galegos que o poeta andaluz publicou en 1935. Moitos coñeceredes a interpretación musicada por Luar na Lubre, sen dúbida fermosa (www.youtube.com/watch?v=BI-Q8yBoV2o).

Nunha indisimulada homenaxe a Rosalía, Lorca convirte a choiva en transmisora da saudade e mailo desamor, pero a choiva non ten por que ser tristeira. Pensemos, sen irmos máis lonxe, na beizón que supón tras dunha seca, ou para un habitante do deserto. Quen ten chegado a Compostela xa é sabedor de que a realidade se atopa ateigada de matices, e que de toda experiencia se poden tirar elementos positivos.

Algún peregrino nos ten comunicado o seu desacougo perante a desventura de lle ter chovido a mares ó longo da súa estadía na cidade. Certo que a ruleta pódenos deparar calquera número, e que Santiago é unha das cidades máis chuviosas de España, soamente superada por Donostia, cuns 140-150 días de precipitacións ó ano.

Se falamos das horas de sol, tamén se atopa entre as menos afortunadas, cunhas 1.950 ó ano; soamente a baten, de novo, Donostia, as restantes capitais vascas e Santander.

Xa que logo, a posibilidade de que te chova é alta, pero como a meirande parte dos peregrinos chegan entre Semana Santa e finais de outubro, as cousas mudan, pois é ben sabido que as precipitacións se concentran de mediados do outono a mediados da primavera.

Tamén podes ser afortunado e tocarte un ano seco, incluído o inverno, ou o contrario e chegar noutro moi húmido, coma ten sido o outono-inverno de 2019-2020; resulta pois evidente que non temos garantía de nada, soamente proxeccións estatísticas, para atinar co mes idóneo (loxicamente, no verán haberá máis ouros).

O importante é non caer no desazo, porque non podemos esquecer que a auga é vida, verde, e que a ela debemos as paisaxes que nos teñen acompañado ata a Praza do Obradoiro. Convén asemade saber que non é o mesmo un temporal de outono ou inverno, con chuvieiras persistentes e intensas, ca unha treboada de primavera ou verán, ou unha chuviñada, ou un orballo, que en Galicia hai moitas verbas para designar os diversos tipos de choiva, niso somos expertos.

Misteriosa regadeira

fino orballo no chán pousa

con feitiña curvadeira,

remollando na ribeira

frol por frol, chousa por chousa.

(Rosalía de Castro, Cantares Gallegos)

Se, como ten escrito Rosalía de Castro, a choiva miúda pode acadar unha dimensión poética ó longo do Camiño, en Santiago, conforme a un vello slogan, é nada menos que arte. Así o testemuñarán aqueles que fotografen a pedra do casco vello, aínda mollada, vernizada coas primeiras raiolas.

Un café, isto sábeno moi ben os estudantes universitarios da cidade, pode constituír o perfecto refuxio cando a morriña causada por un día cincento se apodera dos espíritos, e os bares e tabernas outro santuario para embelecar o cerebro dende o estómago. Así entendemos, se cadra, que haxa tantos bares en Galicia.

Ademais, a cidade conta cunha ampla oferta cultural, mostras, museos e outros eventos, precisamente para que non fiquemos folgados e apoucados neses días de choiva.

Para rematar, a choiva pode ser unha boa desculpa que te convide a regresar, porque do mesmo xeito que mercas a lotaría de Nadal cada ano, tamén tes que probar sorte con Santiago; aquí a posibilidade de acertar é moito maior, supera o 50%. Xa que logo, se chove non te anoxes: o santo quere que volvas.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda