Resposta Miguel Ángel Rodríguez Aira, presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (AGALBER).
O Camiño de Santiago ten ficado coutado unha longa tempada cando a súa proxección internacional e medre tiña acadado cotas inimaxinables anos atrás. Imos volver ó de antes ou haberá algún troco substancial na peregrinación?
Creo que para o Camiño, como para as nosas vidas en xeral, non vai ser moi doado volver á situación pre-pandemia entre mentres non exista unha vacina ou un tratamento efectivo que faga que o virus sexa un máis, coma unha catarreira ou unha influenza. Entre tanto isto non aconteza a peregrinación, por suposto, será diferente; coido que un dos principais motivos polos que facer o Camiño é algo tan único e especial é a socialización, o podermos facer vida en común, compartilo todo, entre peregrinos de todas as culturas, países, idades, etc.
Outro cambio substancial será o non poder apertar ós amigos, ós hospitaleiros, ós veciños, ter que pensalo dúas veces denantes de botarlle unha man a alguén por medo ó contacto físico, penso que isto vai facer que o Camiño sexa moi diferente polo de agora.
E unha terceira mudanza fundamental será a relación entre os peregrinos e os veciños dos pobos e aldeas polos que pase o Camiño. Preocúpanos moito como vai ser agora a acollida, sobre todo dos peregrinos que veñan de áreas ou países onde houbo, e aínda haxa, máis casos de contaxio. Mesmo como será a relación entre os veciños e os establecementos que estean abertos.
Coidas que, trala crise xerada pola pandemia, deberíamos facer algunha proposta de peso para o Camiño?, en que sentido?
Turismo/peregrinación.
En moitos albergues privados conviven os chamados turigrinos cos peregrinos tradicionais, e abofé que nalgunha ocasión, dende a óptica dos peregrinos tradicionais, o turigrino pode estar de máis, pero creo que se debe de ter en conta que se hoxe os peregrinos poden desfrutar só en Galicia de máis de 300 albergues, distribuídos por todos os camiños e en case que todas as localidades, non soamente nas fines de etapa tradicionais, cunhas instalacións de calidade, servizos case que de hotel e outras comodidades, é tamén grazas a este tipo de turismo, que ten permitido que poidan ser viables economicamente. Por outra banda, cando os turigrinos conviven cos peregrinos tradicionais moitas veces chegan a entender de verdade o que é o Camiño, e moitos deles ó ano seguinte trocan a maleta pola mochila, e os derradeiros 100 km polo Camiño de longo percorrido.
Seguirmos coa internacionalización?
Cremos que a internacionalización é algo inevitable, non se lle poden poñer portas ó campo nin tampouco ó Camiño; o boca a boca, as redes sociais, etc, traspasan fronteiras e cremos que é algo positivo.
Cantidade/calidade.
Obviamente tódolos excesos son maos, e se o Camiño pasara a converterse nunha procesión multitudinaria perdería a súa esencia, non sería o primeiro destino que “morre de éxito” por un exceso de afluencia. Entendemos que é un problema moi difícil de abordar, pero nos últimos anos existe unha tendencia á dispersión, tanto entre os diversos camiños coma ó longo do ano, de xeito que os peregrinos, cada vez mellor informados, saben que épocas do ano evitar en segundo que tramos, e cremos que isto é positivo. Se está a percibir moito por exemplo no Camiño Francés, onde nos últimos anos os meses de verán, sobre todo xullo e agosto, a ocupación nos albergues chega a ser similar á dos meses de tempada baixa, especialmente nos que se atopan antes dos últimos 100 km.
Longo percorrido/curto percorrido.
Entendemos que se debería promocionar moito máis que a verdadeira esencia do Camiño se vive no longo percorrido, isto beneficiaría ó Camiño en si, ós peregrinos de curto percorrido que a bo seguro desfrutarían desa amplitude de miras que proporciona o itinerario de longa distancia, e tamén ós albergues e establecementos, xa que a maior percorrido máis durmidas, máis consumo en restauración e servizos e nun maior número deles.
Recoñecer máis camiños?
Sempre e cando haxa unha base histórica, e non se “inventen” da nada soamente para que o Camiño pase por un determinado pobo, bisbarra ou cidade, entendemos que é positivo que xurdan novos camiños. A diversidade arrequece todo, e os diferentes camiños fan que haxa máis onde elixir, para que cada peregrino decida facer un ou outro en función do tempo de que dispoña, da época do ano, ou de se prefire máis recollemento ou máis ambiente, máis mar ou máis montaña, etc.
Máis oferta/Numerus clausus?
Cremos que a oferta se axeita á demanda, se o número de peregrinos medra obviamente seguirán xurdindo novos establecementos. Porén é certo que nalgunhas localidades poida haber algún exceso de oferta que en ocasións pode levar á aparición de tensións non desexadas entre establecementos e xerar un certo mal ambiente, pero sempre se trata de casos moi puntuais. Tamén coido que o ritmo de aparición de nova oferta está a descender, e esta pandemia pode facer que moitos establecementos pechen definitivamente, a non ser que a administración tome medidas específicas para axudaren ós albergues, que son os establecementos máis prexudicados debido ás súas peculiares instalacións, orientadas a compartir e socializar.
Sen dúbida, o eido da acollida vai ser o máis afectado por todo o que ten acontecido. Como debería axeitarse a oferta á nova realidade?, cal consideras que pode ser o modelo máis intelixente para o albergue do futuro?
Seguramente moitos establecementos van decidir non investir en modificar as súas instalacións e permanecerán pechados, porque para moitos non será viable economicamente este gasto nun contexto de moi feble ocupación con duración indefinida, e para outros porque os hospitaleiros, propietarios ou traballadores do albergue son persoas moi vulnerables ó virus que non van querer asumir o risco do contaxio, xa que por moitas medidas que se tomen nunca se vai poder eliminar ó 100%.
O que está claro é que aqueles que vaian abrir deberían facelo coas máximas medidas de prevención, elaborando protocolos de limpeza e hixiene exhaustivos, cumprindo coa capacidade de acollida e distancias de seguridade esixidas polas autoridades, e adecuando as súas instalacións e zonas comúns para reduciren o risco de contaxio ó mínimo. Dende AGALBER estamos traballando para facelo, e que os que realicen este esforzo de adaptación poidan diferenciarse doutros que simplemente cumpran coas mínimas medidas obrigatorias.
Por suposto que aqueles albergues con cuartos de menos camas serán máis doados de axeitar e máis atractivos para os peregrinos, e posiblemente os albergues do futuro tenderán a deseñarse con cuartos de menor capacidade. Tamén creo que os novos albergues cada vez ofrecerán máis e mellores servizos e instalacións para atraeren ós peregrinos de maior poder adquisitivo, que cada volta son máis, e que aínda que desfruten da vida en común do albergue tamén demandan intimidade e conforto á hora do descanso.