A maxia do Camiño

Foi en outubro de 1993 cando tiven a miña primeira chamada de atención sobre o Camiño de Santiago. Ata entón soamente tiña unha feble idea grazas a algún libro de historia que facía referencia a peregrinaxes e peregrinos por Europa. Daquela, conducindo pola nacional do norte camiño de Asturias so unha chuvieira infernal, puiden ver como un camión batuxou da cabeza ós pes a un rapaz que camiñaba pola beiravía cubrindo o seu corpo cun simple chuvasqueiro de plástico, e a chepa que lle facía a enorme mochila que cargaba ás súas costas. Aquela imaxe cativoume, espertou a miña atención e fíxome cuestionarme que podería ter levado a alguén para camiñar por aquel lugar e naquelas condicións.

Quen me ía dicir a min daquela cantas veces sería eu á que tería que vivir a mesma escena en persoa, e que aquel Camiño de Santiago acabaría por formar parte da miña vida para sempre!

Dende aquel día a miña curiosidade natural levoume a interesarme e indagar sobre que era aquelo do Xacobeo. Aquel interese converteuse nun plan de futuro e nunha ilusión que tivo que agardar para facerse realidade ata setembro de 2010, cando carguei por vez primeira ó lombo a miña mochila e dei comezo á miña propia peregrinaxe a Santiago polo Camiño Portugués. Foi entón cando descubrín onde residía a maxia do Camiño, que máis que na meta atopei en cada paso, en cada paisaxe, en cada abrente, nas miradas libres de prexuízos de quen me estaba a saudar cun ‘ULTREIA’ ou cun ‘BO CAMIÑO’, nas lendas das ermidas, nas historias das vilas atravesadas polo itinerario e nos seus veciños; en cada cruceiro, en cada frecha que me estaba a sinalar o camiño a seguir, nas vieiras dispostas no sentido correcto que me levaban a agradecer ós anónimos, que tiñan transitado antes por aló balizando as rutas.

Intres a soas nos que non sentía soidade. Descubrir que tiña deixado de ser camiñante para me converter en peregrina. Recibir despois dunha dura xornada a HOSPITALIDADE de persoas que teñen entregado a súa vida e o seu bo facer a cada peregrino que decidía acougar no seu albergue, eses albergues -chamados tamén hospitais de peregrinos- que son lugares de encontro e convivencia, onde compartir convértese nunha necesidade para todos os que abren o seu corazón, transmitindo a súa propia experiencia e maila súa motivación, que en moitos casos é común á dos demais.

Despois de varias peregrinacións, dende Roncesvalles ata Fisterra e Muxía polo Camiño Francés, dende a catedral de San Salvador de Oviedo ata Santiago de Compostela polo Camiño Primitivo, a Vía da Prata, etc, a experiencia ten inspirado en min a arela de lle devolver ó Camiño un chisco do que del teño recibido.

A maxia do Camiño volveu actuar e brindoume a oportunidade de colaborar como hospitaleira voluntaria. Grazas a elo teño coñecido a peregrinos dunha chea de países, que como se do seu propio lar se tratara se teñen sentado na mesma mesa malia pertencer a nacións confrontadas en liortas históricas, algúns con historias persoais moi duras. Temos chorado, rido, cantado,... témonos apertado e compartido vivencias do Camiño.

Xa que logo, teño afiuzado en min o sentimento de que o Camiño de Santiago é unha experiencia única á que convido a participar a todo aquel que queira saborear a historia dos lugares polos que transita, a súa arte, gastronomía, as personaxes, as lendas, o son dunha gaita, o luscofusco e maila aperta das súas xentes. É algo que te envolve e do que xa non te podes desprender.

BO CAMIÑO!

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda