Está todo escrito sobre o feito de viaxar? Hai algo novo que contar cando alguén vai aquí ou acolá? É doado descubrir un só punto da xeografía que non se atope nos mapas, que non teña sido divulgado nas redes sociais, que non figure nas publicacións de papel?
Se fas as presuntas equivocadas terás as respostas erradas. Porque entón é que non tes ollado o mapa -mundial!- dos Camiños de Santiago. E nese tramado que máis lembra unha tea de araña ca outra cousa, sobresae unha ruta xacobea pequena, curta, provinciana por que non sae do territorio coruñés, de pouco máis de centenar e medio de quilómetros, histórica, que agocha grande cantidade de pequenos engados artísticos e que, en suma, se ten convertido na preferida dos peregrinos. Non en números absolutos -destronar ó clásico Camiño Francés ou ó Portugués, reforzado cun itinerario turístico que abeira a costa, debe entenderse como mera e indesexable utopía-, senón de xeito porcentual: no 2019 foi o que experimentou un maior crecemento, dun 11,5%. E dende logo algo ten a auga cando a bendicen.
O Camiño Inglés ten a particularidade de ser bicéfalo, pois nace na Coruña e Ferrol. E sendo isto certo, non abrangue toda a verdade: porque se en ámbalas cidades atracaban na Idade Media os navíos procedentes do sur de Inglaterra -de aí o seu nome-, elo quere dicir que os peregrinos viñan de algures, pois é obvio que non todos ían vivir neses portos. Abofé, as súas residencias atopábanse espalladas por Inglaterra adiante e, alén diso, a esas xentes hai que sumar ás que comezaban dende os países do norte de Europa. Estes últimos cruzaban esa parte do océano Atlántico coa vontade de arribaren preto do deu punto de encontro, a abadía de Finchale (nordeste da illa), fundada polo pirata reconvertido San Godric. E tras acougaren naqueles impresionantes muros descendían cara o sur.
Daquela xa temos a eses camiñantes en Galicia, onte coma hoxe. Máis hoxe ca onte? Si, sen dúbida, pero no século XIV sumaron milleiros, con intres en que os barcos atracados na Coruña contábanse por ducias. E porén, hoxe é Ferrol o punto de partida máis procurado, porque se contan máis dun cento os quilómetros que o separan do Obradoiro, unha praza que dende o século XX ten substituído á tradicional da Acibechería.
Que ninguén agarde grandes monumentos no Camiño Inglés. Este é o camiño do pequeno, do agarimoso, dos edificios de dimensións humanas, das pequenas igrexas e capelas levantadas ó longo desa época de esplendor que foi o románico, adobiadas moitas delas con elementos barrocos.
A relación sería, si, moi longa. Velaí están para demostralo as igrexas de San Francisco e maila de Caranza, sen saírmos do concello de Ferrol. Despois, o mosteiro de San Martiño de Xubia ou do Couto (que no seu día foi dúplice, aínda que a mestura de relixiosos e relixiosas xerou tal indignación nas altas esferas eclesiásticas que a peculiar comunidade acabou por ser dispersada), os dous templos de Neda, os pesos pesados en arquitectura civil que son Pontedeume e Betanzos -coa ponte gótica sobre o Lambre entre ámbalas poboacións-, as igrexiñas de Cos, Leiro e As Travesas, e a máis humilde aínda de San Lourenzo de Bruma.
É aí, pouco antes de Bruma, onde se dan citas os dous brazos, o coruñés e mailo ferrolán, perfectamente sinalizados un e outro de tal xeito que a perda non entra na categoría do posible. Quen siga o primeiro terá deixado ás súas costas o histórico porto do Parrote, e tamén a sobranceira igrexa de Santiago do Burgo, a súa ponte dinamitada polos ingleses durante a guerra contra Napoleón e reconstruído moitos anos despois, e mailo precioso templo de Sigrás e o que resta do antigo hospital de peregrinos.
E, claro está, denantes de poñer os pes no concello de Santiago o camiñante ten que pasar a notable ponte medieval de Sigüeiro. Porque todos andaban na súa procura, e o buscan: era e é a garantía de poder salvar o caudaloso río Tambre.
Este é, xa que logo, o camiño que fuxe das multitudes, onde parolar coas persoas que traballan nas súas leiras é posible, onde a hospitalidade está garantida por iso mesmo, porque non hai cheas e o contacto humano é doado. Un camiño que en 1417 percorreu a peregrina inglesa máis senlleira, Margery Kempe. Unha pioneira da que se mantén viva a memoria no Camiño Inglés.