prolongación a fisterra e muxía

O que vai a Compostela,

fai ou non fai romaría,

se chega ou non a Fisterra.

                           (Cantiga popular)

 

O CAMIÑO A FISTERRA E MUXÍA é a grande prolongación natural do Camiño Francés cara poñente. Conduce ata a antiga confín do mundo, emprazada nos promontorios atlánticos da coñecida, dende finais do século XIX, coma Costa da Morte.

Xa que logo se trata do único itinerario xacobeo que non leva a Compostela, senón que parte da propia cidade, actualmente percorrido por uns 50.000 peregrinos cada ano.

O valor simbólico da fin do mundo ten convertido este territorio terminal nun mito, e varias lendas procuraron integralo na cosmovisión cristiá a través dos seus cultos: o milagre da aparición mariana a Santiago en Muxía, o relato dos discípulos do apóstolo Santiago que se desprazan a Duio (Fisterra) para solicitaren o permiso de enterramento ó legado romano, o episodio do derrubo da ponte de Negreira cando estaban a ser perseguidos…

Ós anteriores súmase o culto do misterioso ermitán San Guillerme, que moraba no cabo Fisterra, e por medio do cal foron santificadas as prácticas pagás destinadas a impetrar a fecundidade.

Dende o século XII existía un hospital de peregrinos en Logoso (Dumbría), e varios máis foron fundados ó longo do percorrido durante a Baixa Idade Media, sendo asemade moitos os peregrinos os que, dende o século XIV, deixaron por escrito testemuño da súa peregrinaxe a Fisterra e/ou Muxía.

Que non te enganen o sabio Frestón, inimigo declarado de Don Quixote, nin tampouco o mago Hermóxenes, aquel que coas súas malas artes quixo vencer ó Apóstolo Santiago: a ruta a Fisterra non é un Camiño de Santiago máis, senón unha Prolongación con inicio en Compostela. Facelo ó revés é cousa de paparolos e beatería.

Sen menosprezar certos atrancos como a costa do Mar de Ovellas, a ruta a Fisterra e Muxía e moi doada de facer, e discorre sobre bastantes tramos asfaltados por pistas locais, se ben nos últimos anos se están a propoñer alternativas que melloren a experiencia (asociación Solpor).

Cadaquén pode compoñer as súas etapas con total liberdade, tendo en conta que a oferta de albergues e outros aloxamentos ten medrado moito, para adaptar a distancia ás nosas capacidades ou apetencias.

As principais vilas de apoio son Negreira, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Outras poboacións intermedias, que adoitan seren elixidas coma fin de etapa, son Olveiroa, Dumbría e Lires.

Non cabe dúbida de que o maior atractivo do itinerario atópase ó final, nos promontorios e salvaxes areais do litoral abranguido entre Fisterra e Muxía, pero denantes de chegar ó océano tamén posúe núcleos feiticeiros coma o de Ponte Maceira, ó redor da súa ponte medieval, e xa na costa o de Corcubión, co seu casco histórico, sen esquecer edificios coma o pazo do Cotón (Negreira), a Fundación Fernando Blanco (Cee), a igrexa de Santa María das Areas e mailo faro de Fisterra, ou o santuario de Nosa Señora da Barca en Muxía.

Para os peregrinos afeitos a camiñar, catro días serán de abondo para completar a Prolongación, cinco para quen desexe pechar o triángulo de Hospital a Muxía. Se vas máis a modo, ou queres ficar unha xornada en Fisterra, e outra en Muxía, terás que ir pensando nunha semana.

tramos

TRAMO SANTIAGO DE COMPOSTELA-HOSPITAL (59,8 km)

descripción

Forasteiro que procuras a dimensión insondable. Atoparala, fóra da cidade, ó final do teu Camiño. (Franco Battiato, Nómadas).

 

Magna aventura a de chegardes a Fin do Mundo e tocardes coas vosas mans a cama de San Guillerme, ata a que ían procrear aquelas parellas sen descendencia, e maila prodixiosa barca de pedra que trouxo ata estas abruptas costas á Virxe María.

A partida de Santiago de Compostela é gradual, silandeira, abraiante. Superada a Carballeira de San Lourenzo baixamos ó río Sarela, e entre antigas tanoarias nos mergullamos no bosque.

Ata Negreira imos atravesar a doce bisbarra da Maía, cantada por Rosalía de Castro, e a seguir a da Barcala. Ó entrarmos na segunda cruzamos o caudaloso río Tambre pola medieval Ponte Maceira.

Vai a modo, ó entrares e saíres de Barca (denantes de Negreira), nos dous cruzamentos da AC 447.

Ó deixarmos Negreira, de xeito ben teatral baixo o arco ameado do seu pazo do Cotón, temos dúas opción para proseguirmos a Zas: o camiño oficial, a carón da igrexa de San Xián e lobo por unha estrada; e maila variante por un apracible paseo fluvial entre mesto arborado.

Un longo pero vagaroso asenso polo monte introdúcenos na Terra de Xallas, meseta gandeira na que dominan os pasteiros. As pequenas aldeas sucédense ata cruzar o río Xallas, en Ponte Olveira, por unha gran ponte de orixe medieval.

Ó saír de Portocamiño, e para evitar un longo tránsito pola estrada, tense balizado unha variante, con carteis azuis e frechas, que percorre 3 km por pistas forestais ata Vilaserío. Soamente é 300 m máis longa ca oficial, paga a pena!

Pasado Vilar do Castro o Camiño sobe deica o monte Vello para descer de novo por Lago. Se no desvío ó monte segues ó fronte, aforrarás 500 m e a costa, pero a panorámica que se divisa dende o alto compensa..

Planifica ben as túas etapas e, ó chegar a Hospital, elixe o camiño de Fisterra para non perder a visión da chegada ó océano dende o Monte do Cruceiro da Armada, onde poderás tirar unha pedra na súa Cruz de Ferro.

Olveiroa é unha xeitosa aldea consagrada ó Camiño, e ata agora fin habitual para moitos na súa segunda etapa. Aquí remata a chaira para avanzarmos primeiro á beira do encaixado río Xallas, logo polos montes de Buxantes, límite coa comarca de Fisterra, ata Hospital e maila encrucillada viaria: a Fisterra ou a Muxía.

 

As nosas suxestións

-Sen medo a que te poidas converter en estatua de sal volve a mirada ás túas costas, en Sarela de Abaixo, para contemplar por última vez a fachada do Obradoiro. A visión dalle mil voltas á do Monte do Gozo.

-Acouga en Augapesada denantes de comezar o ascenso ó Alto do Mar de Ovellas, de soamente 2 km pero con ramplas de forte pendente. No cumio atoparás unha fonte con auga de manancial sempre fresca.

-Dedícalle un tempo a Pontemaceira, un dos lugares máis fermosos da Prolongación. Podes visitar a capela, os muíños, pasar un tempo de lecer no bar e baixar á beira do río para admirar mellor a ponte.

-Do mesmo xeito que a Bela Dormente, Olveiros espertou do seu letargo por mor do Camiño, e hoxe é un núcleo rehabilitado e con moitos servizos para ti.

-Dende Olveiroa penetras no Territorio Vákner, un enigmático monstro do que deixou testemuño un peregrino armenio que por aquí pasou en 1493. Procura non bater con el, ou será a túa perdición.

TRAMO HOSPITAL-FISTERRA (24,7 km)

descripción

Se a ventura te acompaña poderás facerte cunha vieira, prezado tesouro para os peregrinos de antano, nas praias de Fisterra.

Superado o mao grolo de termos que pasar mesmo diante dunha grande fábrica de carburos metálicos, o camiño real prosegue por unha zona despoboada, deixando atrás o cruceiro do Marco do Couto, o santuario de Nosa Señora das Neves (Fonte Santa) e maila ermida de San Pedro Mártir, ata que dende o monte do Cruceiro da Armada se asoma ó mar. Enxergamos a ría de Corcubión coas súas illas Lobeiras e illéus Carrumeiros, o granítico e pelado Monte do Pindo, o cabo Fisterra…

Unha rápida baixada vainos conducir primeiro a Cee, poboación grande e comercial, e axiña a Corcubión, vila histórica, ambas as dúas con todo tipo de servizos.

Entre Cee e Corcubión que non te tomen o pelo! O camiño máis curto vai polo paseo marítimo diante do hospital, un pracenteiro percorrido. Porén, teñen balizado a ruta dando un enorme rodeo, que nos obriga a facer 700 m de máis, por unha estrada chea de tráfico e con treitos sen beiravías.

De Corcubión a Fisterra aínda será preciso superar dúas costas, con paso preto da praia de Estorde, por Sardiñeiro e, denantes de entrar en Fisterra, abeirando o grande areal de Langosteira

 

Fisterra non ten pasado, nin presente, nin futuro porque é eterno e a eternidade non obedece nin ó reloxo nin ó calendario; tampouco á dor nin ó amor, nin á vida nin á morte. (Camilo José Cela)

 

No canto de procurar vieiras, que en razón da alta demanda a penas se atopan por estes lares, desfruta doutro molusco, o longueirón, que se ten convertido nun signo de identidade de Fisterra.

Unha volta en Fisterra aínda haberá que subir ó faro e regresar ó pobo, o que supón facer algo máis de 6 km.

 

As nosas suxestións

-Do mesmo xeito que na leonesa e afamada Cruz de Ferro, o albiscar por vez primeira o océano bota unha pedra ó pé da cruz que se ten disposto a tal fin no Monte do Cruceiro da Armada.

Cee e Corcubión son dúas vilas ideais para fornecerse, repoñer forzas (nos bares adoitan poñer unha tapa de balde coa bebida) ou pernoctar.

-Poderás elixir praia para deitarte na area e/ou darte unha batuxada: Estorde cos seus piñeirais; Sardiñeiro, máis urbana pero excelente; a recollida e solitaria de Talón, que semella unha cala balear; ou a extensa praia de Langosteira, limiar de Fisterra.

-Descálzate e, no canto de entrar en Fisterra polo paseo marítimo, faino pisando o areal de Langosteira.

 

QUE FACER EN FISTERRA?

descripción

Lembra que está prohibido, por mor dos lumes que se teñen provocado a causa deste costume, o ritual de queimar farrapos na punta do cabo Fisterra. A roupa vella ó contedor!

Citas peregrinas

Albergue Público. Se cos selos da túa credencial probas que tes completado a Prolongación ata a localidade, poderás recibir a Fisterrá, certificado de peregrinación do concello que foi deseñado en 1999 por Enric Pascó.

Solpor no cabo. Se ben hai outros espazos alternativos nos que contemplar este espectáculo cotián e de balde, iso si, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, o cabo Fisterra, na proximidade do faro, é o elixido polo meirande número de peregrinos.

O imprescindible

Non deixes de practicar, amigo peregrino, o antigo ritual do baño no mar, símbolo de purificación, cando teñas chegado a Fisterra.

-Subir ata o faro Fisterra, de mediados so século XIX, distante 3,2 km do centro da vila.

-De camiño ó faro visitar a igrexa de Santa María das Areas, románico-gótica, que conserva a imaxe pétrea polícroma da súa titular (século XVI) e maila abraiante talla gótica do Santo Cristo (século XIV), de grande devoción entre os peregrinos de antano. Do mesmo xeito que na catedral de Santiago, este templo ten a súa Porta Santa, e diante dela atópase un notable cruceiro gótico.

-O peirao, coa abondosa frota pesqueira e maila moderna lonxa, é a sala de estar onde se atopan e despiden tódolos peregrinos.

As nosas suxestións

Pero faino sen medo na praia de Langosteira, segura e con vixilancia na tempada, endexamais nos salvaxes e perigosos areais de Mar de Fóra e do Rostro, porque algúns afoutados o tentaron e xa non o puideron relatar.

-Esixe facer unha camiñada extra duns 800 m, pero na cara oposta do cabo ficarás pasmado se te achegas á praia do Mar de Fóra, salvaxe areal de extraordinaria beleza. Constitúe un emprazamento alternativo para contemplar o solpor.

-Se sobes ó faro pola antiga ruta da Insua, ou te desvías dende a estrada (sinalizado), poderás coñecer un lugar que engaiolaba ós peregrinos do pasado: as ruínas da ermida de San Guillerme.

-En Fisterra atópase o castelo de San Carlos, rematado en 1767 para poñer couto ós ataques de nacións inimigas e piratas á vila, e no seu interior un Museo do Mar único grazas a Francisco (o poeta Alexandre Nerium), o seu guía.

TRAMO HOSPITAL-MUXÍA (23,8 km)

descripción

De Hospital o Camiño baixa a Dumbría, atravesando o río Fragoso e maila estrada de Coruña a Fisterra, para pasar a carón do santuario da Santiña de Trasufre.

O cruzamento da AC 552 é perigoso, abofé, pois ten lugar nunha valgada deica á que baixan, veloces, os vehículos en ámbolos sentidos. Estase artellando unha alternativa que evita o paso e vai á beira do río.

Tras Senande cruzase un amplo terreo forestal denantes de chegarmos a Quintáns, que antecede o que foi mosteiro de San Martiño de Ozón.

Un rodeo por Merexo, abranguendo a ría de Camariñas, condúcenos ata Os Muíños, e pouco despois ata mosteiro de Moraime, con interesante igrexa románica de tres naves.

Precedida das praias de Espiñeirido e da Cruz, Muxía xurde de súpeto á vista!

 

Non existe por certo, en toda a costa orientada ó Atlántico, Santuario máis impresionante nin máis significado pola súa posición topográfica e pola súa tradición relixiosa, que conmemora a aparición da Virxe a Santiago. (Hugo Rocha)

 

As nosas suxestións

-En Dumbría contas cun dos mellores albergues do Camiño. De arquitectura moderna, foi patrocinado por Amancio Ortega, o dono de Zara, ouviches falar del? Dende aquí podes seguir a Muxía, pero tamén retornar nun santiamén a Marco do Couto, no eixo principal de Fisterra.

-Dise que quen acode á romaría da Santiña de Trasufre con devoción, e molla con auga da fonte santa as súas espullas, deixando quedar o pano nas silveiras, consegue que esvaezan.

-Párate a visitar o mosteiro de San Xián de Moraime, con dúas portadas historiadas na igrexa e, no seu interior, unhas pinturas murais tardo-góticas que representan os Pecados Capitais.

TRAMO FISTERRA-MUXÍA (28,8 km)

descripción

En Fisterra encomezamos a marcha cara Muxía polo Val de Duio, obtendo unha boa panorámica do seo marítimo dende San Martiño de Duio.

Deixando atrás un extenso piñeiral, descemos deica o sector máis agreste do litoral, achegándonos ó batido areal do Rostro.

 

A auga é a forza motriz de toda a natureza. (Leonardo da Vinci)

 

Máis piñeirais interpóñense entre Padrís e Canosa, aldea dende a que xa se baixa á ría de Lires, a máis pequena das galegas. Xusto na metade da etapa, Lires dispón de variados servizos.

Despois de pasarmos a ponte de Vaosilveiro, tendida sobre o río Castro, un territorio rural, con alternancia de cultivos, bosquetes e aldeas esparexidas, condúcenos ata Morquintián.

A seguir toca ascender ó monte Facho de Lourido, colonizado por un parque eólico, para divisar Muxía e comezar ó descenso, precipitado, á vila, que se atopa precedida do areal de Lourido, un espazo aínda virxe e dominado polo novo parador de turismo.

Accedemos á localidade de Muxía polo Coído, a cara oposta á da ría, sendo posible avanzar ata a punta da Barca e mailo santuario mariano.

 

As nosas suxestións

-Denantes de chegares a Padrís pedímoste, por tódolos santos do Camiño!, que te desvíes un intre ata o sector norte da praia do Rostro. Trátase dun areal bravío, inmenso, provisto dun grande complexo dunar e agrestes agullas nesta parte. Un pequeno paraíso.

-Se degoiras a veciñanza do mar, en Canosa é doado tomar a senda costeira que entra en Lires a carón da súa praia, bordeando a ría. Farás 1 km de máis, pero paga a pena.

QUE FACER EN MUXÍA?

descripción

Citas peregrinas

-Para obter a Muxiá, certificado municipal de peregrinación, terás que acudir á Casa do Concello (mañás de luns a venres), ó Punto de Información Turística (de mañá e serán, pero soamente na tempada), ou explicar o teu caso onde te hospedes, pois é doado que te poidan xestionar a entrega.

Outras pedras marabillosas que terás que atopar son a da Testa, cun oco onde convén que pouses a propia para sandares de calquera tolemia ou mal que puideras padecer, e maila dos Namorados, da que folga falar da súa función. Hai unha terceira, sacrílego e xigante pelouro moi atinadamente chamado A Ferida, que vou combater coma fixen cos muíños.

-O santuario da Virxe da Barca é o segundo final desta Prolongación, pero por desgraza case que sempre se atopa pechado. Ten perdido parte dos seus exvotos mariñeiros, e mailo valioso altar maior barroco, no lume que padeceu o día de Nadal de 2013.

Ver o solpor. O lugar máis axeitado son as rochas inmediatas ó adro do santuario da Barca; aló as ondas, ó bater, salferirán a vosa faciana.

O imprescindible

-Ademais do Santuario de Nosa Señora da Barca, xa citado, na súa contorna atópanse as pedras santas que compoñían o prodixioso navío mariano: a de Abalar ou vela, cha, e que como o seu nome indica abaneaba; a dos Cadrís ou casco invertido, so a que se debe pasar por tres veces; e maila do Timón.

-Do mesmo xeito que en Fisterra, na contorna do porto e mailo paseo marítimo atópanse as terrazas nas que se concentran os peregrinos todos.

Con tanta rocha procura non ficar de pedra, porque Muxía pode ser a derradeira oportunidade para probares o saboroso peixe e marisco desta costa, grande tesouro do mar.

As nosas suxestións

-Ascender ata o monte do Corpiño, o punto máis alto do promontorio que, malia a súa modestia (68,5 m de altitude), dende o seu pedregal proporciona unha impoñente panorámica da vila e o litoral.

-Coñecer os secadoiros de congro, oficio secular da costa galega que soamente perdura en Muxía, un activo en cada unha das caras da península.

-Dar un paseo ata a praia de Espiñeirido, de area fina, distante 1 km do centro, na que poderás bañarte ollando, ó fronte, o Cabo Vilán.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda