camiño francés

Ó longo da historia, por infraestrutura, cantidade de peregrinos, continuidade temporal e simboloxía, o CAMIÑO FRANCÉS se ten convertido no Camiño de Santiago por antonomasia.

A Reconquista, e mailo traslado da capital do reino de Oviedo a León, favoreceron a consolidación do actual trazado, e dende 1127 quedou fixado o paso pirenaico de Ibañeta fronte ó de Somport. Reis coma os navarros Sancho o Maior e Sancho Ramírez, ou os de León e Castela Fernando I ou Alfonso VI, promoveron a repoboación dos burgos do Camiño e o tránsito de peregrinos, empresa na que tamén colaboraron o papado e maila abadía de Cluny. Unha chea de mosteiros e hospitais, algúns deles de fundación rexia, ofrecían a súa asistencia ós romeiros.

Nas dúas primeiras décadas do renacemento xacobeo contemporáneo, que comeza nos anos 80 do século XX, a primacía do Camiño Francés era, abofé, indiscutible. Porén, co cambio de milenio principiou a perder peso porcentual en relación ós restantes camiños, e se en 2005 aínda representaba o 84,5% do total, quince anos despois soamente foi elixido polo 54,6% dos peregrinos.

No Camiño Francés vas ser protagonista dunha das máis cumpridas aventuras da humanidade, seguindo os pasos dos milleiros de peregrinos que te precederon. As súas almas son os luceiros que nos alumean e guían dende a Vía Láctea.

Dende o Pirineo, ben pola variante navarra, ben pola aragonesa, percorre entre 780 e 880 km. O principal lugar de partida de longa distancia é, superando a Roncesvalles, Saint-Jean-Pied-de-Port, na Baixa Navarra francesa. En 2019 e por vez primeira, a modalidade do curto percorrido, os 100 últimos km dende Sarria, ten superado a todos os restantes puntos de partida, e a dimensión internacional primixenia de longa distancia se ten encorado.

Sarria é o principal lugar de inicio do Camiño, co 27,7% do total, unha realidade que certifica a deriva comercial e turística da ruta. Ende ben, moitos dos que realizan estas catro ou cinxo xornadas descobren que peregrinar é moito máis ca unha efémera excursión, e recuncan no itinerario dedicándolle máis tempo.

O Camiño Francés en Galicia é axeitado para todo o mundo, e a elo ten contribuído a explanación das súas vías tradicionais, convertidas nunha sorte de pistas homoxéneas e desposuídas de personalidade. O único accidente do relevo a salientar é o ascenso ata O Cebreiro. Entre Melide e Santiago tamén se encadean unha morea subidas e baixadas, en ocasións abafantes pero de escasa entidade.

Polo Valcarce e os montes da Faba introducímonos nun terreo de vellas e doces montañas que serve de bisagra entre Os Ancares e O Courel. Del descendese ata o boscoso val do Oribio, que antecede á Terra de Sarria. Superado o Miño en Portomarín, é mester cruzar a comarca da Ulloa, e xa na provincia coruñesa, cada vez con maior presenza dos eucaliptais, as de Melide e Arzúa, denantes de chegarmos a Compostela.

Soberbios o val do Oribio coas súas fragas, o mosteiro de Samos, a igrexa de Portomarín, a ponte de Leboreiro, o Monxoi…

Malia o seu peso histórico, o Camiño Francés en Galicia non é pródigo en monumentos, sendo os máis senlleiros o núcleo do Cebreiro, o mosteiro de Samos e maila Igrexa de San Nicolás de Portomarín.

Do que non cabe a máis mínima dúbida é que a oferta de servizos para o peregrino, e máis concretamente de albergues e doutros aloxamentos, é moi abondosa, e ademais non para de medrar. Pese a elo, en datas punta pode atoparse todo completo, sobre todo nas fines de etapa clásicas.

Para completar o Camiño Francés galego dende Vilafranca do Bierzo precisamos contar con entre 7 e 9 días, e un más para dedicalo a Santiago.

 

¿CÓMO CHEGAR A VILAFRANCA DO BIERZO?

-Eliximos Vilafranca do Bierzo por tratarse dunha localidade relativamente ben comunicada (en mellor medida atópase Ponferrada, con liña de tren, e peor O Cebreiro), pero sobre todo porque o seu vínculo cultural con Galicia é grande. Emprazada á beira da depresión do Bierzo, é a porta cara o estreito Valcarce, polo que se ascende ata O Cebreiro.

-En autobús pódese chegar con Alsa, sen ter que facer cambios, tanto dende Oviedo (3 h 50 min, 30 €) ou León (2 h 30 min-2 h 45 min, 11 €) coma dende Madrid (Estación Sul, Intermodal Moncloa ou Aeroporto Adolfo Suárez-T4, de 5 h a 6 h 20 min, 32 €). En sentido contrario a mesma empresa presta o servizo dende Santiago, vía A Coruña e Lugo (3 h 25 min-4 h, 21 €).

-De ter chegado a Ponferrada en tren [vide Camiño de Inverno ou do Sil], haberá que seguir en bus ata Vilafranca con Alsa (30 min, 3,6 €) ou en taxi (20 min, 30-35 €). Andando sería unha etapa curta e doada de facer, de 22,3 km, unha xornada máis de marcha.

tramos

TRAMO VILLAFRANCA DEL BIERZO-SARRIA (69,8 km, por Samos 76 km)

descripción

Á saída de Vilafranca comeza o apertado Val carceris, formado polo río Valcarce, onde o Camiño avanza en grande medida en paralelo á antiga N VI, so a que foi construída a A 6. A meirande parte do tempo faino por un corredor de formigón, separado da devandita estrada por bloques prefabricados, solución no seu día aceptable para nos protexer do tráfico, pero actualmente absurda, e dende logo escasamente peregrina e nada ecolóxica.

Despois de atravesar Perexe e Trabadelo, xeitosas poboacións viarias, nos desviamos da nacional cara o fondo do val para pasar por A Veiga, principal localidade da zona. O sector con máis arborado ripícola prolóngase ata Ferrerías, onde principia o porto.

Dos 9 km que aínda faltan ata O Cebreiro, soamente 7,5 k son de costa riba, e o tramo máis fatigoso o que coincide cunha calzada romana, entre centenarios castiñeiros, ata A Faba. A partires de aquí xa non hai árbores, soamente prados e matogueiras, pero si unha segunda aldea para fornecerse, A Lagúa, denantes de chegar ó cumio, que se localiza a 1.296 m no Cebreiro.

O Cebreiro constitúe un mito por moitos motivos: a súa posición no alto do porto, a virtude de ter mantido unha agrupación de pallozas, a súa igrexa prerrománica, o milagre eucarístico (marabilla de outrora que a poucos impresiona no presente), a grande epopea aquí iniciada para resucitar a peregrinaxe xacobea por parte do reitor Elías Valiña (cada día máis esquecida)…, en suma, un lugar imprescindible.

 

O mito só é reflexo dunha realidade. (Os pasos perdidos, Alejo Carpentier)

 

Quen tivera pensado que as costas xa remataran estaba trabucado, porque dende O Cebreiro aínda hai que subir ó Alto de San Roque, e tras Hospital da Condesa o Alto do Poio, que cos seus 1.335 m é o teito galego do Camiño. É verdade, non obstante, que se trata de pequenas cotas que non van esixir un afouto esforzo.

Dende O Cebreiro propóñense dúas alternativas, semellantes en distancia, ata Liñares: á beira da estrada pero nun plano superior, o itinerario histórico; á esquerda do albergue, a variante operativa ata 2016, con máis ascenso e fermoso traxecto polo monte, pero da que teñen asfaltado a baixada, deixando unha estreita senda á beira da nova estrada.

Entre O Poio e Fonfría percorrese a legua do Rañadoiro, un cordal chan dende o que se descende ata Triacastela e mailo val do Oribio por un feiticeiro tramo que, na súa parte final, avanza á sombra de vellos castiñeiros.

Escoita, Sancho, porque un Camiño sen O Cebreiro é tan coitado coma durmir sen ter ceado. Quen a subida non faga, e o seu milagre non admire, non poderá ser chamado peregrino.

En Triacastela, modesta localidade viaria coa súa igrexa de Santiago e todo tipo de servizos, o itinerario ofrece dúas posibilidades para chegar a Sarria:

A) A máis dereita e curta por San Xil, que sobresae pola beleza natural do Valdescuro, ata Balsa, e polas carballeiras que nos fan compaña ata Furela, sempre entre pequenas aldeas.

B) A variante de Samos, 6 km máis longa, que ademais do engado que proporciona o podermos coñecer o seu enorme mosteiro bieito, percorre os bosques máis mestos do Camiño galego á beira do río Oribio.

Ámbalas dúas vólvense xuntar en Aguiada, para proseguiren a Sarria pola beira dunha estrada.

Sarria é a poboación de maior tamaño no Camiño Francés galego, unha pequena cidade que amosa dúas zonas claramente diferenciadas: a inferior, con longas rúas de edificación serodia e co seu paseo e terrazas á beira do río; e a parte alta, co eixo da Rúa Maior, ocupada polo casco antigo coa igrexa do Salvador (século XIII), o torreón que resta do castelo e mailo convento da Madalena (séculos XVI e XVIII).

As nosas suxestións

O Cebreiro. Malia a explotación comercial do pequeno enclave, os peregrinos adoitamos experimentar unha inexplicable emoción cando chegamos por tan singular porta a Galicia. Se cadra é un sentimento ancestral alicerzado na tradición, porque o lugar constitúe un dos vórtices esenciais do Camiño. Víveo e tira a túa propia lectura.

-Xusto despois de coroar o Alto do Poio, elixe a nova variante, escasamente concorrida, que parte á dereita para se dirixir a Fonfría. Vai a maior altura co camiño paralelo á estrada, e proporciona vistas de ámbalas vertentes da serra pola legua do Rañadoiro. E non recees, soamente é 200 m máis longa.

-En Samos achégate á capela do Ciprés, afastada da ruta pero só a 200 m do mosteiro. Trátase dun edificio mozárabe do século X, e atópase acompañado por un sobranceiro ciprés, catalogado coma unha das árbores máis antigas de España (hai quen lle atribúe un milenio!). Por suposto, tamén debes pensar en visitares o mosteiro, con claustro menor do século XVI e igrexa e claustro maior neoclásicos (século XVIII).

Sarria é a Kansas City da febre amarela, onde o número de peregrinos multiplícase de golpe por dous. Gran parte da súa actividade pivota ó redor do Camiño, polo que malia o balbordo poderás sentirte na túa casa. Se tes que completar calquera cousa na túa equipa acode á Peregrinoteca, tenda especializada que subministra a peregrinos de medio mundo.

TRAMO SARRIA-MELIDE (63 km)

descripción

¡Onde roxe a marabunta!

 

Moitos peregrinos teñen referido que o traxecto que conduce da veiga sarriana ata o Miño é un dos máis fermosos do Camiño Francés. Abofé que non está desprovisto de engados, xa que a existencia de prados, bosquetes caducifolios e núcleos rurais que se teñen reactivado para prestaren servizos ás masas o teñen convertido nun tramo moi ameno.

A pouco de abandonar Sarria cruzamos a ponte Áspera, con fábrica do século XIII. Ó nos achegar á vía férrea, a variante de Zanfoga a cruza para continuar ata A Pena, pero, permítase a redundancia, non paga a pena seguila, pois se ben é lixeiramente máis curta imos papar, pola contra, máis asfalto.

O Camiño principal atravesa costa riba, entre castiñeiros vetustos, o castro de Paredes, e pasa moi preto da igrexa románica de Barbadelo. As carballeiras fanos compaña ata o muíño de Marzán, e tras cruzar a estrada LU 633 (aquí chega a variante) sucédense un bo número de pequenos núcleos rurais con nomes que axiña esqueceremos, se é que nalgún intre puidemos coñecelos, porque o anonimato é a regra. Entre medias xurde o marco do km 100, por aquelo da mitomanía o máis fotografado da ruta. Portomarín agárdanos á outra beira do Miño.

A baixada ó Miño, encorado en Belesar, pódese facer ata por tres camiños diversos, sendo aconsellable, para os camiñantes, o máis empinado, que discorre encaixado na rocha no seu traxecto final.

Superada a longa ponte de formigón, procede ascender por un arco da medieval Pons Minea, recuperado denantes de que o encoro asolagara o vello Portomarín. A nova localidade, deseñada ó estilo das vilas de colonización que proliferaban nos anos 60, pero co traslado dalgúns dos seus monumentos para que non perdera por completo os seus referentes históricos, é a que conta con máis albergues de todo o Camiño. Unha vila que vive por, para e grazas ós peregrinos!

Dende o Miño sóbese sen tregua ata a Serra de Ligonde, pero sen grandes pendentes ou banzos, mainamente. Os piñeirais gañan agora terreo, pero por ser unha bisbarra gandeira mantéñense a pradaría e mailos cultivos de forraxeiras.

Cando nos achegamos a Gonzar de novo aparecen dúas variantes: a da esquerda é a histórica, e atravesa a aldea, entre mentres que a paralela á estrada vaina abeirando.

O panorama muda, despois de cruzarmos a N 640, na vertente oposta da serra, pois agora entramos na comarca da Ulloa, afamada pola súa produción queixeira e de castañas. En Ligonde unha modesta cruz sinala o lugar no que houbo un cemiterio de peregrinos. Se ben os eucaliptos comezan a abondar, a paisaxe segue resultando vizosa ata Palas de Rei, onde será doado albiscar por vez primeira o Pico Sacro.

Diviño ese cefalópodo que chaman polbo, monstro mariño de oito brazos con ventosas, que os galegos, tras cocelo nun caldeiro e adobalo con aceite de oliva, sal gordo e pemento vermello moído, teñen sabido converter nun manxar.

Entre o moderno núcleo de Palas e Melide temos que superar o encontro coa A 54, autoestrada pouco respectuosa co Camiño, e pasar logo por San Xulián do Camiño, coa súa igrexa románica e cruceiro, singular estampa do rural galego. Os bosquetes prolónganse ata o comezo da provincia da Coruña, á que accedemos pisando a calzada, hoxe soterrada, de Leboreiro.

Tras pasar por Leboreiro, co seu templo e ponte medievais, camiñamos sobre un terreo ermo e pedregoso, a gándara de Melide, onde no seu día a algunha luminaria se lle pasou polo maxín chantar un polígono empresarial en medio e medio do Camiño Francés, tentando logo agochalo cunha ringleira de arboriñas.

En Furelos cruzamos o río homónimo por unha nova ponte medieval, orixinaria do século XII, provista de catro arcos. Dende aquí so resta ascender ata Melide, vila en posesión dun pequeno conxunto histórico pero, sobre todo, afamada polas súas polbeiras. Aquí conflúe o CAMIÑO PRIMITIVO.

As nosas suxestións

-Entra a selar na igrexa románica de Barbadelo (séculos XII-XIII), que ademais de estar dedicada a Santiago, representado como Peregrino no altar, pertenceu a un mosteiro. Entre as súas curiosidade atópanse o tímpano, onde verás uns entrelazados moi célticos, e maila torre, encaixada no propio edificio e sostida por dous arcos con cadanseus capiteis historiados.

-O principal monumento de Portomarín, de visita obrigada, é a igrexa de San Nicolás. Pertenceu á encomenda de San Xoán de Xerusalén, e responde á idea dun templo-fortaleza, de nave única moi elevada e iluminada por dous rosetóns. A portada de poñente é unha síntese da Gloria descrita no Apocalipse, co Pantocrátor e mailos 24 anciáns músicos.

-Despois da aldea de Castromaior, próximo ó Camiño emprázase o castro que, honrando o seu nome, é un dos máis extensos de Galicia. Poderás ollar a súa estrutura por atoparse parcialmente escavado. Dispón de ata seis recintos defensivos, e unha morea de vivendas de planta cadrada ou rectangular, o que certifica a súa romanización.

-Non deixes de deterte un intre perante un monumento humilde e sinxelo, pero cargado de simbolismo: o cruceiro de Lameiros. Foi erguido en 1674 e na cruz amosa o Crucificado, e ás súas costas unha Piedade. Na base foron labrados os elementos da Paixón, entre eles unha caveira.

-O pequeno núcleo de Furelos sobresae pola súa ponte medieval, pero nos últimos tempos tamén ten cobrado sona polo Crucificado que custodia na súa igrexa parroquial de San Xoán. O seu mérito, que ten un brazo desencravado, como a célebre imaxe de Segovia. Estampa o seu selo e o levarás na credencial.

-Se por algo é coñecida Melide entre os peregrinos é polas súas polbeiras (hai varias), e máis sinaladamente pola de Ezequiel, que mantén o estilo tradicional destes locais coas súas mesas e bancos de madeira corridos. Non a debes perder, constitúe un dos rituais míticos do Camiño!

TRAMO MELIDE-SANTIAGO DE COMPOSTELA (53,5 km)

descripción

A pouco de ter partido de Melide, transitamos a carón da igrexa románica de Santa María (século XII), de nave única coa súa ábsida semicircular. No interior conserva o altar medieval, e unhas pinturas murais de comezos do século XVI que representan a Trindade e máis o Tetramorfos.

Nova bifurcación trala igrexa: ó fronte o camiño que pasa pola pontella do rego Catasol, unha das fotos máis procuradas do Camiño Francés galego; á esquerda a variante de Penas, un chisco máis longa e tamén máis eslamiada.

Máis aló do rego Catasol ascéndese ata Raído, para baixar de novo a Boente, a carón da súa fonte e igrexa de Santiago. Un pronunciado tobogán lévanos ata o río de Boente, e a particular montaña rusa prosegue, facéndonos suar tinta, ata Castañeda. Entre este val e o seguinte, todos eles transversais ó Camiño, interponse un extenso eucaliptal.

¿Cansos xa de tantas variantes? Pois toca unha máis tras cruzar o río de Boente: de fronte o camiño por Castañeda, agora titulado de “Complementario”, con máis asfalto; á esquerda o de Pedrido, cunha subida algo máis pronunciada. Ámbolos dous co seu bar, distancia semellante, non nos imos decantar. ¿Lanzamos unha moeda ó aire?

Á beira do río Iso reiterase o binomio ponte-hospital, tan común no Camiño. A posterior subida a Arzúa é dura. O pobo, moderno e estirado ó longo da N 547, posúe unha animada alameda, e maila capela gótica da Madalena (século XIV), inmediata ó albergue público. A Arzúa chega a principal variante do CAMIÑO NORTE.

Imos seguir por un terreo quebrado, agora para cruzar o rego das Barrosas, con posterior subida por unha zona na que conviven as repoboacións de eucaliptos cos pasteiros asociados ás granxas de vacún, se ben á beira do Camiño adoita haber carballos.

Os topónimos de carácter viario van definindo a ruta: Tabernavella, Calzada, Calle, A Brea, A Rúa. En Salceda vemos un sinxelo monumento, memorial do peregrino Guillermo Watt, que aquí morreu en 1993; non é un caso illado, xa que no Camiño Francés son moitos os instalados nos últimos anos, establecendo un contraste co anonimato dos que pereceron no pasado e a individualización dos contemporáneos.

Dende O Empalme, encrucillada con bares e restaurantes, baixase a Santa Irena, onde a fonte e maila capela, malia constituíren un feiticeiro enclave, adoitan ser ignoradas polos peregrinos. Fin de etapa habitual para dar o salto definitivo a Santiago, O Pedrouzo, capital do concello do Pino, é outro núcleo moderno, ateigado de albergues e pensións, que se agrupa ó redor da estrada nacional.

Eu escollo, meu señor, a meta e as súas ledas tabernas, verdadeiro bálsamo de Fierabrás que me ten feito esquecer tódalas costas, privacións, dores, ataques dos percebellos e noites en malas pousadas.

Os derradeiros pasos lévanos ata Amenal, onde comeza a subida ata a Cima Barreira, espazo no que estaba proxectado un segundo polígono empresarial, coma en Melide, en medio da ruta (non aprendemos a protexer o Camiño!). Xusto despois o itinerario foi comesto polo aeroporto de Lavacolla, que é obrigado rodear, pasando baixo a estrada que lle serve de acceso.

En Lavacolla, os peregrinos de antano lavábanse de corpo enteiro no seu modesto rego denantes de chegar a Compostela. A última costa prolóngase ata Vilamaior, e por un novo eucaliptal continuamos ata San Marcos, coa súa capela e o monte do Gozo ou Monxoi. É por fin chegado o intre de albiscar as torres da catedral e a nosa meta.

Da entrada en Santiago máis vale non falar, malia que se está a mellorar o percorrido con vistas ó ano santo de 2021. De feito tanto nos ten, porque agora o importante é chegar. Obviamos xa que logo describir polo miúdo o tramo abranguido entre o arrabalde de San Lázaro e maila engaioladora Rúa de San Pedro, dende a que accedemos ó casco vello pola Porta do Camiño. Casas Reais, a Praza de Cervantes e maila Rúa da Acibechería xa nos deixan perante a catedral. Temos chegado a Santiago de Compostela.

Todo o bo remata, e neste caso o breve non será dúas veces bo, senón ata certo punto frustrante, e máis aínda cando xa lle estabamos a pillar o punto ó Camiño. Pode que a meta satisfaga a algúns, obxectivo cumprido e a outra cousa, pero ós máis inquedos soamente lles vai parecer un principio, e probablemente un deica logo.

 

Temos esquecido que a nosa única meta é vivir, e que vivir o facemos cada día, e que en todas as horas da xornada acadamos a nosa verdadeira meta se vivimos. (Jean Giono)

 

As nosas suxestións

-Respira profundo e desexa que endexamais remate o paso do rego Catasol, verxel no que medran amieiros, carballos e bidueiros. Cruzamos a súa rústica pontella, que non acada a categoría de ponte, nun escenario que mesmamente podería ser morada de fadas e mouras.

-Entra na igrexa de Santiago de Boente, coa súa popular e simpática talla de Santiago Peregrino (século XIX). Ficarás con el por sempre, porque a cada peregrino que o visita lle entregan unha estampiña.

-Aínda que non fiques a durmir nel, acouga un intre no albergue público de Ribadiso, emprazado á beira do río Iso e da súa ponte medieval dun arco. A recuperación deste conxunto de vellos edificios, que acolleron un hospital de peregrinos dende o século XIII, ten sido un pleno acerto por parte da Xunta. O río fai as veces dunha piscina natural.

-En Arzúa existe un produto de obrigada cata: o queixo elaborado con leite de vaca que leva o seu nome. Ó abeiro da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, de pasta mol e forma cilíndrica e apachocada, é, xunto co de tetilla, o máis coñecido de Galicia. Aconsellámovos os de granxa, a poder ser elaborado con leite cru. Bo proveito!

-Non deixa de ser chocante que a día de hoxe non se saiba con certeza onde estaba exactamente o Monte do Gozo. Denominado en galego tamén Monxoi, evolución do francés Montjoie, no pasado foi receptor dunha fervenza de emocións, e tamén de tolas carreiras por saberen, entre os grupos, quen era o primeiro en ollar as torres da catedral, daquela proclamado polos seus compañeiros ‘rei da comitiva’. Se te conformas coa panorámica obtida dende a fachendosa e desmesurada escultura en lembranza da visita de Xoán Paulo II (1989), moi próxima ó Camiño, alá ti, pero dende o outeiro veciño, decorado coas figuras dun par de peregrinos abraiados, a vivencia e moito máis pracenteira.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda