camiño portugués central
Recuperado por fases e de norte a sur, de xeito definitivo en 2006 dende Lisboa, o CAMIÑO PORTUGUÉS CENTRAL constitúe un dos grandes itinerarios xacobeos de longo percorrido.
De Lisboa a Compostela hai 622 km, pero a maioría dos peregrinos adoitan dar comezo a súa andadura en Porto (a 242 km de Santiago) ou na fronteira de Valença do Minho/Tui (os derradeiros 120 km).
Loxicamente, as últimas etapas son as que se atopan máis acuguladas, pois este itinerario é o máis empregado tralo Francés, co 20,8% do total de peregrinos (2019). Máis de 33.300 peregrinos principian cada ano o seu percorrido en Valença e Tui, o que consagra á Eurocidade como o terceiro punto de partida, despois de Sarria e Porto, máis frecuentado.
O tramo final do Camiño atópase vinculado co propio relato da Translación, xa que o corpo de Santiago tiña chegado por milagre, abeirando a costa portuguesa, ata a ría de Arousa e, remontando o Ulla, a Padrón.
En Portugal localízanse algúns dos máis sonados milagres de Santiago: o do cabaleiro que ó ollar a nave apostólica saíu do mar coa súa cabalgadura cuberta de cunchas de vieira, o da asistencia a Fernando I na toma de Coimbra ou aqueloutro do peregrino enforcado e sostido (galo de Barcelos).
Ven sendo este Camiño grande oportunidade para ilustrar o espírito coa súa riqueza patrimonial: unha catedral do Medievo, un Museo dedicado a tódalas artes, santuarios, capelas, pontes, cruceiros, petos de ánimas…
Monarcas lusos como a Rainha Santa (1325) ou Don Manuel I (1502) completaron a ruta a Compostela, e outro tanto cabe dicir do pobo e ata datas serodias, sendo o principal continxente de romeiros no devalado século XIX.
Coas aparicións de Fátima (1917), os portugueses pasaron a centrarse no seu santuario mariano nacional, pero a memoria da peregrinación xacobea recuperouse nas últimas décadas, e os Amigos do Camiño sinalizaron o itinerario en ámbolos sentidos: frechas amarelas cara Santiago, azuis deica Fátima.
A dificultade deste Camiño, nos seus tramos por Galicia, non é grande, pois case sempre avanza pola coñecida como Depresión Meridiana. Malia todo, as subidas e baixadas serán constantes ó abeirar a ría de Vigo, e tamén se sucederán ó cruzarmos os vales transversais entre Pontevedra e Pontecesures.
Agás o traxecto final entre Padrón e Santiago, o Camiño Central discorre pola provincia de Pontevedra, a miúdo por áreas densamente poboadas, o que limita a presenza da natureza.
A respecto da paisaxe, dende o verxel do Miño avánzase polo val da Louriña, con grande implantación industrial, ata a Ría de Vigo, que será doado contemplar dende o alto, e mais ó Lérez, no comezo da Ría de Pontevedra. Dende a capital provincial nos introducimos nas comarcas interiores de Caldas e Sar, sempre con importantes localidades de apoio.
Recursos patrimoniais salientables son os conxuntos históricos de Tui, coa súa catedral, e Pontevedra, meritoriamente peonalizado. O concello do Porriño, os viadutos de Redondela, as termas de Caldas ou as pegadas xacobeas de Padrón e Iria Flavia, son outros acicates para o peregrino.
Malia que o asfalto e o formigón dominan, aínda son moitos os tramos nos que pisaremos pistas agrarias ou corredoiras, incluída algunha calzada.
Non teremos ningún problema no capítulo dos servizos, pois abundan tanto os albergues coma outro tipo de aloxamentos, e tamén os restaurantes e mailas tendas.
De dar comezo á ruta no Miño, precisaremos seis días, contando a parada en Pontevedra, para chegarmos a Santiago; unha semana se dedicamos outra xornada á meta.
COMO CHEGAR A TUI/VALENÇA?
-Aconsellámoste que comeces a túa andaina cando menos en Porto, capital ben conectada por avión, tren ou autobús, para coñecer, xa en ruta, a igrexa románica de Rates, as vilas de Barcelos e Ponte de Lima, e maila Serra de Labruja. Se non dispós de tempo abondo, prométenos que farás un pequeno esforzo para saír de Valença do Minho, pois un Camiño Portugués sen Portugal carece por completo de sentido.
Menos da unha pedra. (Refrán)
-É doado achegarse a Valença dende Porto, en tren dende a estación de Campanhã, ó redor de 2 h, a partir de 9 € (www.cp.pt). En autobús con Rede Expressos, dende a estación do Campo 24 de Agosto, cunha duración de pouco máis de 1 h 30 min, a partir de 9 €, ou con Auto Viação do Minho, ó redor de 2 h, dende 5 €. Directo dende o aeroporto Sá Carneiro a Valença con Autna, 1 h 20 min, dende 9 €; con Alsa, un diario, 1 h 25 min, a partir de 10 €; e, vía Viana, con Andrade Express, 2 h, ó redor de 12 €.
-Si llegas en avión al aeropuerto de Peinador (VGO), es posible bajar a Vigo en bus Vitrasa con la línea 9A, lu-ve de 5,55 a 23,07 h cada 30 min, sábado desde las 6,40 h id., domingo de 9,30-14,30 h cada hora y de 15-23 h cada 30 min, 1,35 €, con paradas en Travesía de Vigo, para desplazarse a pie a la estación de autobuses, a 1 km, y República Argentina, para ir a la de ff.cc Vigo Guixar, 700 m. En taxi el precio fijo es de 22 €.
-Se chegas en avión ó aeroporto de Peinador (VGO), é posible baixar a Vigo en bus Vitrasa coa liña 9A, lu-ve de 5,55 a 23,07 h cada 30 min, sábado dende as 6,40 h id., domingo de 9,30-14,30 h cada hora e de 15-23 h cada 30 min, 1,35 €, con paradas en Travesía de Vigo, para desprazarse a pé ata a estación de autobuses, a 1 km, e República Arxentina, para ir á de ff.cc. Vigo Guixar, a 700 m. En taxi o prezo fixo é de 22 €.
–De Vigo a Tui la mejor opción es el autobús de ATSA, con muchos servicios al día (telf. +34 986 610 255), 35 min, 4 €, aunque el fin de semana se reducen notablemente. En tren de Renfe desde Vigo Guixar, son pocos los servicios y la estación de Tui está a 1 km del centro; por ella también pasan los dos trenes que se dirigen a Porto, que paran en Valença (duración de 35 a 55 min, sobre 4 €).
–De Vigo a Tui a mellor opción é o autobús de ATSA, cunha chea de servizos ó día (telf. +34 986 610 255), 35 min, 4 €, pero a fin de semana se reducen notablemente. En tren de Renfe dende Vigo Guixar, son poucos os servizos, e ademais a estación de Tui atópase a 1 km do centro; dela tamén parten os dous trens diarios que se dirixen a Porto, que paran en Valença (duración de 35 a 55 min, ó redor de 4 €).
-A Tui tamén chegan trens procedentes de Ourense e Madrid, pero ata a estación de Guillarei, bastante afastada do centro.
tramos
todo sobre tui
QUE FACER EN TUI?
descripción
Citas peregrinas (obter a credencial)
–Na catedral. De 10,45-13 e 16-21 h de xuño a setembro, ata as 20 h en maio, e deica as 19 h o resto do ano. Misas: lu-ve ás 10 h, domingos e festivos ás 13 h.
O imprescindible
–Catedral. Semella unha fortaleza, e de feito tivo esa función no Medievo. Accedemos a ela polo seu pórtico do século XIII, e se visita ó xeito dun museo agás na hora das misas (4 €), incluíndo o claustro, dende o que se divisan o Miño e Portugal.
–Casco vello. Un dos conxuntos monumentais máis compactos e mellor conservados de Galicia, con tramos da muralla, os conventos de San Domingos e Santa Clara, as igrexas de San Telmo e San Francisco, casonas, o antigo hospital de peregrinos, etc.
As nosas suxestións
-Aproveita, durante o verán, as visitas guiadas de balde que organiza a Oficina de Turismo.
-Achégate ó torno das clarisas e adquire uns peixiños de améndoa, elaborados cunha fórmula secreta, que podería ter unha orixe hebraica, dende hai 500 anos, que poderían ter unha orixe hebreo.
-Non deixes de admirar, ó final do paseo da Corredoira, o Monumento ó cabalo salvaxe, obra chea de movemento do escultor tudense Juan José Oliveira, un mestre no tratamento anatómico dos équidos.
-Tómate unha bebida quente con pastas e tartas caseiras do Camiño en Ideas Peregrinas, o local das irmás Silvana e Mónica, todo un referente do Camiño Portugués.
valença do minho – pontevedra
TRAMO VALENÇA DO MINHO-PONTEVEDRA (54,5 km)
descripción
Atravesando de cabo a rabo a Fortaleça de Valença do Minho, esa cidadela que aspira, xunto co casco antigo de Tui, a ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, imos descender ó Miño para cruzar a ponte internacional, que foi inaugurada en 1886 e presta servizo a peóns, automóbiles e trens. O ascenso ata a acrópole de Tui efectuase por unha antiga rúa que desemboca na praza da catedral.
Despois de percorrer o conxunto monumental, deixamos a cidade perante a igrexa románica de Rebordáns, e pouco despois cruzamos, nunha paraxe feiticeira, a ponte das Febres.
Chegados a Orbenlle convén que elixamos a variante da esquerda, tamén denominada do río Louro, para entrarmos no Porriño polo parque fluvial. O corazón da localidade atópase Praza Maior, cos seus soportais, onde se ergue a neomedieval Casa do Concello, obra de Antonio Palacios.
Do Porriño a Mos a situación non mellora ata acadar A Rúa, coa igrexa de Santa Baia e mailo palacio dos Marqueses de Mos. Onde remata a costa arriba cruzamos o Chan das Pipas, coa capela de Santiaguiño de Antas, para iniciar o longo descenso ata a Ría de Vigo e Redondela.
En Redondela toca pasar so os dous viadutos do ferrocarril, e a carón do albergue público da Casa da Torre (século XVI), onde podemos selar. A seguinte poboación é Cesantes; dende ela albiscamos a illa de San Simón, na súa apracible enseada, moi próxima á praia local.
Unha pista costenta leva ós altos da Lomba e da Cabaleira, dos que axiña descendemos do mesmo xeito, decontado, á localidade de Arcade. Pouco despois batemos coa longa ponte de Pontesampaio, que salva o río Verdugo.
Camiño de Pontevedra cóllenos desprevidos que nunha zona tan alterada se poida ter conservado, case que intacta, a calzada de Canicouva. A partir da capela de Santa Marta procede seguir unha estrada, pero existe unha digna e fermosa alternativa. A entrada na cidade de Pontevedra faise eterna, pero por fin chegamos ó seu casco antigo, un lugar idóneo para ficar se tiveramos oportunidade.
As nosas suxestións
-Se atopas aberta a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, non dubides en entrar, pois é unha das máis antigas de Galicia, de orixe sueva ou visigótica, e o seu románico do século XI arcaizante (capiteis).
-Ó pasar pola humilde Ponte das Febres detente un intre a lembrar ó dominico San Telmo, que malia ter nado en Frómista (Palencia, Camiño Francés), acabou sendo o patrón de Tui e dos navegantes. Neste mesmo lugar, cos sinais da peste, soubo que a súa morte estaba próxima (1246).
-Se queres xantar tranquilamente, faino cos teus víveres no parque fluvial do Louro, denantes de entrares no Porriño, pero se o que te vai é a animación, procura un posto nunha terraza da Praza Maior.
-Pensa que os estratos históricos se foron amoreando na contorna da capela de Santiaguiño de Antas: ata 60 mámoas coas súas ‘antas’ teñen sido descubertas pola zona, e por aquí pasaba a vía romana XIX. Entre as aportacións do presente senllos monumentos dedicados ó peregrino e máis a unha morriñenta ninfa; cal prefires para o selfie?
-Consulta o horario da circulación dos trens por Redondela, porque se te cadra vai ser un espectáculo ver pasar paseniñamente o ferrocarril polo viaduto de Pontevedra, de 1884, sobre as casas todas e maila túa testa entre mentres a estrutura de metal treme. O irmán maior, ou viaduto de Madrid, tras anos de servizo ten sido merecedor dunha feliz xubilación.
-En Arcade, no pasado en posesión dun sonado banco ostreiro, que subministrou á Corte para gozo dos padais de reis e cortesáns, constitúe un ritual probar as ostras da ría, no presente cultivadas en bateas. Entre dous unha ducia, cunha botella de viño branco, entra nun santiamén.
-Aínda parecen resoar os estoupidos en Pontesampaio. Sitúate na Guerra da Independencia: a avezada tropa do mariscal Ney, dunha beira, e a mal organizada resistencia de guerrilleiros, patriotas e estudantes galegos, da outra, provistos duns canóns de pau que ó segundo disparo rebentaban. Daquela, do mesmo xeito que ás veces acontece no fútbol, venceu David, e os gabachos foron forzados a retirarse.
todo sobre pontevedra
QUE FACER EN PONTEVEDRA?
descripción
Pontevedra é boa Vila, da de beber a quen pasa, a fonte da Ferraría… (Cantiga popular)
…máis non só auga.
Pontevedra é unha cidade sedutora e xa que logo merecente, cando menos, dun día completo para coñecermos o seu casco vello, o santuario da Peregrina, o variado e entretido Museo Provincial, os seus parques, a zona de tapeo,…
Citas peregrinas
–Santuario da Virxe Peregrina. Rematado en 1794 por encomenda da confraría do Refuxio e a Divina Peregrina, o templo érguese sobre unha planta en forma de vieira, e a súa fachada é convexa, algo impropio dun estilo neoclásico que neste caso aínda sinte apego polo Barroco. A imaxe, no seu camarín, parece tocada para unha danza versallesca na corte de Louis XV. Misas: diaria ás 19,30 h (de peregrinos), domingo e festivos ás 13 h.
O imprescindible
–Soberbo casco vello! Poderá supéralo Santiago? En monumentalidade si, pero non tanto en harmonía e pulcritude, porque aquí todo está impecable, e non se ve nin un automóbil. Recoñecementos moitos, así o Premio Europeo de Mobilidade (2013) ou o Hábitat da ONU (2014). Prazas como A Ferraría, e sobre todo, o Eirado da Leña, son estampas que non vas esquecer. O mellor é pasear sen présa, e saír da antiga améndoa murada para prolongar os nosos pasos pola alameda do século XIX e maila súa contorna. Ver Visit Pontevedra
-A igrexa de Santa María. Que pertenceu ó gremio de mareantes e agora leva o título de basílica menor, e na que conflúen sen rechiar o gótico final ou isabelino, os adobíos manuelinos e máis o plateresco da súa fachada maior.
–Museo de Pontevedra. Unha auténtica institución para a cultura galega, esparexido en nada menos que seis edificios de diversas épocas. O seu fondo é do máis variado: dos tesouros prehistóricos á estatuaria procedente do Pórtico da Gloria, e da mellor pintura clásica ás artes decorativas, pasando pola cerámica de Sargadelos, obras de Castelao e doutros artistas galegos, e ata unha reprodución do camarote da fragata Numancia.
As nosas suxestións
-Ó mediodía pódeste achegar ó mercado de abastos, onde ademais de coñecer os mariscos e peixes da ría e do Atlántico, e outros produtos galegos, poderás xantar no seu primeiro andar, que dende 2019 conta cun interesante espazo gastronómico.
-Se gustas dos cafés clásicos non deixes de acudir ó Moderno, decorado con pinturas, onde se xuntaba a intelectualidade galeguista nas primeiras décadas do século XX.
-Vai de viños, cervexas e tapas polo casco vello, un dos mellores de Galicia para practicar este san deporte. A oferta é infinda, achégase ós 300 bares!
-E se ficas un día máis na cidade cruza o río ata A Xunqueira e visita o gran parque da Illa das Esculturas, onde poderás atopar ata unha ducia de intervencións artísticas dos mellores creadores contemporáneos.
pontevedra – santiago
TRAMO PONTEVEDRA-SANTIAGO DE COMPOSTELA (65,2 km)
descripción
Deixamos Pontevedra pola Ponte do Burgo, que xa existía na época romana, para seguirmos pola Xunqueiras de Alba ata a igrexa de Santa María de Alba. En paralelo á vía férrea ímonos adentrar nunha zona boscosa, á que suceden os viñedos de Barro.
Varios cruceiros van balizando a ruta, que se aproxima ó paradisíaco enclave da Muíñada de Barosa, composta por un conxunto de muíños ó redor dunhas fervenzas, con pozas para o baño e áreas de lecer.
Por unha chaira baixo emparrados alcanzamos Caldas de Reis, a vila termal situada á beira do río Umia.
A partires de Caldas volve gañar terreo o bosque, primeiro acompañando ó río Bermaña ata Carracedo, logo polo concello de Valga descendendo ó val do río homónimo ata San Miguel.
Dicimos adeus á provincia de Pontevedra abeirando a vila de Pontecesures, cruzando o río Ulla, que fai de límite coa da Coruña, e dirixíndonos polas súas veigas a Padrón, auténtico berce da tradición xacobea.
No traxecto entre Padrón e Santiago sucédense un feixe de lugares de interese: primeiro a antiga catedral de Iria Flavia, máis adiante o santuario mariano da Escravitude coa súa fonte santa, pouco despois o pazo do Faramello e, na súa contorna, o mítico Castro Lupario; e tamén preto o cruceiro de Rúa de Francos, con presenza de varias carballeiras que nos namoran.
Dende Osebe o territorio atópase moi urbanizado ata Santiago, e máis aínda a partires do Milladoiro. Neste punto, como acontece no Monte do Gozo, pódense ver por vez primeira as torres da catedral.
A entrada na cidade de Santiago de Compostela faise preto das ruínas do castelo da Rocha Vella, perante a porta do mosteiro de Conxo e polo Ensanche, que nos conduce ata a Porta Faxeira e, seguindo a Rúa do Franco, ata a catedral.
As nosas suxerencias
-O desvío ata a Muíñada de Barosa é exiguo, pero a compensación inxente. Podes afrescar os pés na súa poza, marabillarte coa presenza dunha belida fervenza, xantar na taberna instalada nun dos muíños ou nas áreas de lecer dispostas á sombra. Son as pequenas sorpresas do Camiño, ledicias que sempre se recordan.
–Caldas de Reis, que axiña vai contar cunhas pozas termais públicas para o baño, posúe un extenso parque botánico, na ribeira do Umia, ideal para o tempo de relaxamento.
–Padrón é un compendio da lenda xacobea: 1. Na igrexa de Santiago, pródiga en iconografía xacobea, baixo o altar maior debes contemplar o sonado pedrón, ara romana á que os discípulos de Santiago amarraron a súa barca; 2. Da outra beira do río, por unha escada podes ascender ata a capela do Santiaguiño do Monte, espazo no que o apóstolo tería predicado e onde fixo abrollar, entre os penedos, unha fonte.
…saltando en terra os discípulos de Santiago amarrárona [a barca] a un groso piar de pedra que se atopaba no desembarcadoiro, o cal está agora na igrexa de Santiago, que se atopa a douscentos pasos deste desembarcadoiro, so o Altar maior, onde é visitado, e reverenciado por este respecto de todos os peregrinos. . (Mauro Castellá Ferrer, 1610)
-A dimensión literaria de Padrón (Macías O Namorado, Camilo José Cela) ten a súa máis sobranceira representante en Rosalía de Castro, auténtico mito das letras galegas. A súa Casa-Museo, afastada 1 km do centro, é un auténtico santuario sentimental. Se queres coñecer a alma de Galicia non deixes de visitala, axudarate a entender moitas claves do país que percorres.
-Entra na que foi catedral de Santa María de Iria, de portada gótica e torres con remate en escadas, similares ás existentes no claustro da catedral de Santiago e como aquelas inspiradas nas pirámides aztecas. O seu carón verás o melancólico camposanto de Adina, no que descansa o nóbel Camilo José Cela.
-Se queres seguir san bebe auga da fonte do santuario da Escravitude, enriba da que se levantou a monumental escada que accede a esa fachada barroca, prodixiosa, que se amosa como un remedo da do Obradoiro, pero a unha escala menor.
-Ímoste aconsellar un derradeiro desvío de 600 m, denantes de ascender a calzada do Faramello, ata o grande Castro Lupario, por sempre asociado á inicua raíña que fixo todo o posible para desbaratar o enterramento do apóstolo, pero que ó final acabou por converterse ó cristianismo. Un enorme xacemento arqueolóxico rodeado de carballeiras.