Os camiños que debuxan o país

‘A pátria/ pedra de canteiro/ medra no camiño’.

Dalgunha maneira, os versos do poeta Paco Souto evocan as sensacións que me veñen hoxe á cabeza do transitar polos camiños de trazado rexo que teñen a Santiago de Compostela coma orixe e destino. A patria, como di o poeta, medra tamén a través destes vieiros con memoria persoal e colectiva.

Son moitos os camiños históricos que levan a Santiago de Compostela, peregrinaxes de máis ou menos lonxitude e de máis ou menos tradición, entre os que se atopan o Camiño Francés, o do Norte, o Primitivo ou o Portugués, entre os mais coñecidos, e dous que nacen e morren en territorio da provincia da Coruña. Son o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra e Muxía, dúas rutas dunha singular riqueza patrimonial, artística e paisaxística que atravesan concellos que, dunha maneira ou doutra, ficaron marcados polo camiñar de milleiros de persoas a través dos séculos.

"Fado", chámase o libro de Paco Souto do que saíu o poema antes citado, e esa pode ser unha boa palabra para transmitir a sensación de percorrer as rutas que se abren entre paisaxes sobrecolledoras, sorpresas monumentais e xentes afeitas a recibiren con amabilidade ás persoas que se animan a transitar por estes camiños cheos de historia, misterio e arte.

E, nos dous que nacen e morren na provincia da Coruña, Santiago de Compostela convértese en orixe e destino, alfa e omega dunha viaxe sorprendente e única que, sen dúbida, deixará pegada en quen se anime a percorrelos.

Destino é Santiago dun Camiño Inglés que nace na Coruña e Ferrol e que, dende o medievo ten nos seus portos o punto de chegada de viaxeiros que arribaban ao noso país por mar, para logo se dirixir terra adentro por dous trazados que se encontran en Bruma, curioso topónimo que é o punto de unión de ambas variantes, que continúan xuntas os corenta quilómetros que desde alí quedan até chegar á monumental cidade que é fin da peregrinaxe.

En todo o percorrido, un patrimonio histórico e cultural único sorprenderá ás persoas que transitan a través da historia e a arte, por medio de paisaxes únicas nas que descubrirán que, moitas veces, o destino non é o único importante senón que o camiño, como a vida, se constrúe en cada unha das etapas, todas distintas, todas importantes.

Santiago de Compostela é así destino dun feixe de rutas, mais tamén orixe do talvez máis singular dos camiños, o que se inicia onde outros rematan, nunha cidade-arte na que, historicamente, as persoas camiñantes collen novo pulo para ir cara a fin da terra, cara o horizonte sen remate no que atoparán o máis sorprendente dos solpores, a paisaxe máis impresionante, en espazos nos que as persoas se senten infinitamente pequenas diante dos abruptos acantilados e a inmensidade do mar aberto. Ás veces ocórreseme que o de Fisterra-Muxía é por iso o camiño da humildade que nace de medirse fronte á grandiosidade dunha paisaxe que é tamén un dos grandes tesouros para quen temos a fortuna de vivir na súa contorna.

Costa da Morte, Fisterra, Monte Pindo ou mesmo Vákner -o mítico personaxe tan vencellado á ruta- fálannos da maxia que se atopa nun camiño que se dirixe seguindo o sol, até o mesmo fin do mundo, onde se produce o máis espectacular remate do día e as persoas viaxeiras non poden senón sucumbir diante da beleza dese instante único que é difícil explicar se non se sinte ao vivo.

Camiños para vivir, para sentir e para descubrir unha terra única, cuns recursos que son tesouros para un territorio acolledor que se mostra ao mundo cunha identidade propia, con arte, natureza, tradición e cultura. O legado que recibimos e co que nos temos que comprometer para deixar como herdanza ás xeracións que virán. Unha viaxe que convida a parafrasear ao gran Paco Souto e dicir con el que a nosa patria medra no camiño.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda