durante o camiño
Pasito a pasito, suave suavecito
Nos vamos pegando, poquito a poquito…
(Luis Fonsi)
Do mesmo xeito que na canción de Luis Fonsi, o Camiño e máis ti ídevos ir emparellando paseniñamente, e a propia ruta vaite ir proporcionando as súas ensinanzas, de maneira que acabarás formando parte dela; daquela, independentemente de como tiveras comezado, acabarás sendo un peregrino.
AS FASES DO PEREGRINO
Acostuma ser frecuente que tanto física coma mentalmente o peregrino se vaia facendo máis forte a medida que avanza, e o que nun principio amedrenta, por exemplo longas distancias ou montañas, pasado o tempo se converta nun reto doado de superar. Os peores días, é vox populi, sempre son os primeiros, mais non tanto a estrea, onde a euforia adoita facernos compaña, senón o segundo ou terceiro. Daquela é cando xorden as primeiras bochas e dores musculares, polo que será boa cousa xestionar ben a aventura para non rematar afundido, porque a forza de vontade, e mailo amor propio, poden ser grandes aliados, pero tamén irreflexivos conselleiros. Cando ollamos cara atrás, como dicía Machado, non soamente veremos pegadas que non volveremos a pisar do mesmo xeito, senón tamén o moito que tes aprendido nun curto período de tempo.
SINALIZACIÓN
Polo xeral o Camiño de Santiago atópase ben balizado, mellor canto máis preto da meta, especialmente en Galicia. As frechas amarelas, que repoñen os Amigos do Camiño, conviven con marcos de pedra ou cemento, placas cerámicas, postes indicadores de madeira ou metal, cunchas e placas no chan, cruces de Santiago, logos do Consello de Europa e outros moitos elementos ó gusto do pagador.
TIPOS DE CHÁN
Se ben esta cuestión varía moito segundo os camiños e os treitos, debes de estar preparado para calcular que os sendeiros, andadeiros, corredoiras, carreiros e pistas agrarias ou forestais poden supoñer o 50%, máis ou menos, e as vías asfaltadas, na súa meirande parte locais, pero tamén algunha estrada con máis tráfico, o restante 50%.
A CREDENCIAL E O SEU USO
É o documento máis estimado polos peregrinos, e o que nos identifica como tales, permitíndonos acceder a determinados albergues e obter a Compostela. Herdeira dos antigos salvocondutos e cartas de presentación, foi creada polas asociacións de Amigos do Camiño nos anos 80, unificada en 1987 e recoñecida pola catedral de Santiago, que máis tarde deseñou a súa propia.
Na actualidade, tras dunha falida tentativa da catedral de Santiago por monopolizar a súa impresión, conviven a da catedral, maioritaria, e a das asociacións federadas, en retroceso, se ben algúns itinerarios tamén teñen a súa propia, e o mesmo cabe dicir das asociacións estranxeiras, todas elas validas para nos aloxar nos albergues de peregrinos, e se teñen sido previamente homologadas pola catedral de Santiago tamén para conseguir a Compostela.
Ademais dos datos persoais, que deben coincidir cos do DNI ou Pasaporte, dispón de varias páxinas para estampar os selos de paso, sendo de abondo que poñamos un ó día agás nos 100 derradeiros quilómetros, onde se exixen dous ó día para ter dereito a recibir a Compostela se imos a pé.
Podemos conseguir a credencial a través das asociacións de amigos do Camiño, moitas das cales soamente a expiden de xeito presencial para informar ó futuro peregrino, e tamén nos principais puntos de partida dos diversos itinerarios, tanto en locais da Igrexa coma de asociacións ou entidades públicas. Hoxe en día danse todas as facilidades para que ninguén fique sen a súa credencial.
BENZÓN DO PEREGRINO
É unha tradición que se ten recuperado nalgúns lugares habituais de partida (información na guía). Trátase dun acto emotivo, sexas crente ou non, que recupera fórmulas practicadas na Idade Media. A miúdo adoita ter lugar ó final dunha misa vespertina.
ALIMENTACIÓN
A alimentación é esencial para compensar a intensidade do gasto enerxético realizado. Cada quen é coñecedor das súas necesidades, pero consideramos bo lembrar que no Camiño se acostuma a xantar dun xeito diferente, tanto en horarios coma no tipo de alimentos, que na vida cotiá, adaptación que a algúns lles pode custar un grande esforzo.
En primeiro lugar, o almorzo é un intre salientable do día, pois precisamos dun aporte enerxético extra para evitarmos cambras e amortecementos. O ideal é que estea composto por lácteos, cereais ou torradas (marabillosas con aceite e/ou tomate) e glucosa, presente en zumes e froita, e tamén en marmeladas, mel, chocolate, etc.
Para a marcha, pois cada dúas horas convén inxerir algo, ademais de auga ou bebidas con sales minerais sinaladas para o deporte, é bo comer máis froita fresca, froitos secos, galletas, barras enerxéticas ou similares.
A mediodía, e no Camiño o mediodía é exactamente iso, ou sexa, cando o sol acada o cénit (12 h), non é aconsellable comer forte, e menos aínda un menú do día, porque a dixestión será máis pesada, restándonos azos para continuar. Chegará cun prato lixeiro (ensalada, pasta), algunha tapa consistente (a tortilla de pataca é un clásico en España) ou mesmo un bocadillo que podemos adquirir ou, mellor aínda, preparar nós mesmos ó gusto nunha tenda ou supermercado.
Despois de ter chegado ó aloxamento, un refrixerio, tapa ou merenda lixeira coma a indicada cada dúas horas, na compaña dalgunha bebida quente ou unha cervexa, ritual común do serán, pode resultar perfecta.
Polo que atinxe á cea, convén facela moito antes dos horarios habituais de España ou Portugal, e aquí si que é doado ou ben cociñar algo consistente no albergue (poñerse de acordo entre varios peregrinos é a mellor receita), apuntarse á cea comunitaria ou acudir a un mesón ou restaurante, onde os menús do día, que cun prezo pechado inclúen dous pratos, sobremesa, bebida e ás veces tamén café, atópanse moitas veces indicados para os peregrinos. Porén, e tendo en conta que o ‘menú do peregrino’ ou ‘do día’ (en España flutúa entre os 9 e 14 € de media, en Portugal, chamados diarias, entre os 6 e 8 €) non sempre é de calidade, convén que te informes ben antes para atopar un que sexa variado, equilibrado e, a poder ser, de cociña caseira e elaborado con produtos de proximidade. Isto sería o sumun, e nós axudarémoste a conseguilo.
Adoita tamén ser habitual que, en albergues rurais, sen tendas ou servizos próximos, algún restaurante leve a comida preparada previo encargo, e incluso que trasladen sen custe ós peregrinos que queiran desprazarse a cear.
Polo que respecta á compra, non esquezas programala tendo en consideración os servizos de cada etapa e horarios de apertura (atención ós festivos!), pero tampouco é obrigado que cargues de máis a mochila, senón que vaias mercando o que teñas pensado consumir cada día, procurando ter sempre unha reserva de froita e cereais, algún aporte enerxético (froitos secos, chocolate, galletas), e se cadra unha ou dúas latas de conserva, polo que puidera acontecer. Cargar grandes cantidades de auga, cando na maioría dos camiños hai fontes, tendas e bares, é unha penitencia que tampouco se aconsella.
Se cociñas nun albergue é posible que atopes algúns elementos básicos como sal, azucre, especias, aceite, vinagre, fariña, etc., e tamén o que teñan deixado outros peregrinos, sobre todo pasta, arroz, legumes. Se o utilizas pensa nos que virán despois de ti, e procura repoñelo ou facer o propio na vindeira ocasión.
ALOXAMENTO
As opcións para durmir no Camiño son múltiples, pero moitos peregrinos, independentemente da súa capacidade de gasto, elixen os albergues porque neles se vive con máis plenitude a experiencia. Os albergues poden ser de moitos tipos, dende os máis humildes ata ós que ofertan servizos propios dun hotel (cuartos privados, sauna, piscina, etc), e os prezos adoitan estar en consonancia coas súas prestacións.
En camiños que aínda non son moi populares, ou entre os que pasan por comunidades implicadas na súa promoción (sobre todo en Galicia), abondan os albergues públicos, en moitos casos con prezos subvencionados e baixos, ou mesmo de donativo e levados por asociacións e con hospitaleiros voluntarios. Tamén hai algúns albergues parroquiais ou cedidos a asociacións xacobeas para que os xestionen. Neles acostumase proporcionar unha acollida fraternal, pois aqueles que os atenden teñen sido peregrinos, e coñecen mellor ca ninguén as nosas necesidades. Un dos intres máis agarimosos da estadía é o da cea comunitaria, que algúns albergues organizan ás veces implicando ós presentes para que colaboren na preparación, servizo e limpeza.
Se reservas un albergue con antelación, ou se o elixes de entre varias opcións ó chegar á localidade, convén que leas as opinións que teñen escrito outros peregrinos en internet (se ben non sempre responden á realidade polas interferencias de partes interesadas), e por riba de todo que examines os servizos que ofrece, o número de camas por cuarto, se ten cuartos só femininos, se dispón de cuartos privados, de armarios con chave, de cociña con aparellos para cociñar, de lavadora e secadora, se acepta mascotas e en que condicións, etc. Se estás nunha cidade e queres dar un paseo ata o lusco-fusco, tamén debes de coñecer a hora de peche, ou se conta con algún sistema de acceso con chave, tarxeta electrónica ou código. Por último, entre quen non lle prace levar moito diñeiro enriba, convén saber se aceptan o pagamento con tarxeta bancaria.
Como norma, nos albergues públicos de España e Portugal non se admiten as reservas, polo que os peregrinos somos acollidos por orde de chegada, o que ten dado lugar, en tempadas de vacacións, á formación de colas dende horas temperás, un dos maiores desatinos do Camiño. É algo que ben se podería resolver ben ceibando parte das prazas para peregrinos de longo percorrido, ben para os que teñan camiñado unha mínima distancia diaria, pero os responsables, para se gabaren dos resultados numéricos, adoitan estar máis interesados na cantidade que na calidade.
Nos albergues privados, lixeiramente máis caros (entre os 10 e 15 € de media, de prezo máis elevado os hostel urbanos), por suposto que se poden facer reservas, se ben ás veces solicitan o número de tarxeta bancaria para confirmalas, e as manteñen só ata unha determinada hora, polo que se nos demoramos haberá que chamar de novo.
Co gallo de que a convivencia sexa posible, nos albergues é preciso respectar as normas, sobre todo as referidas ó uso de instalacións como a cociña, e o silencio debido a partires de certa hora. Asemade, temos que deixalo todo tal e como o tiveramos atopado, fregando a vaixela empregada e procurando non lixar máis do imprescindible. Convén lembrar que un albergue non é un hotel, e que todos somos co-responsables do seu mantemento en boas condicións.
Das restantes modalidades de aloxamento, sexan pensións ou hostais (aloxamentos locais e residenciais en Portugal), casas e hoteis rurais ou de agro-turismo (tamén turismo de habitação en Portugal), hospederías, hoteis e, nos últimos anos, tamén apartamentos e pisos turísticos, interesantes para familias ou pequenos grupos, o uso regulase polas diversas normativas turísticas existentes en cada comunidade autónoma (España), e os prezos varían en función da oferta e maila demanda, malia que cada vez son máis os negocios orientados especificamente ós peregrinos, ou con tarifas especiais para nós.
SACAR DIÑEIRO
En primeiro lugar, cómpre que te informes da existencia de bancos e caixeiros para poderes sacar diñeiro no Camiño, porque de ningún xeito é convinte que traias moito contigo, poderíalo perder ou poderíancho roubar. E tamén que esteas atento ás condicións da túa tarxeta bancaria para operar no estranxeiro, pois é posible que poidas sacar de balde un determinado número de ocasións a partir de certas cantidades, sendo o máis habitual que te cobren un 3% de comisión e/ou polo cambio de divisa a euros, que ademais acostuma ser desfavorable.
Trocar en aeroportos ó chegar é sempre mala opción polo cambio, máis beneficioso en oficinas das zonas céntricas das cidades.
En España xa coñecemos a leria dos caixeiros, a presenza de tres redes (4B, Servired e Euro 6000) e mailas abusivas prácticas bancarias aplicando comisións por non empregar os caixeiros da súa marca, ou da rede á que pertence. En Portugal é máis doado, pois os caixeiros son únicos da rede Multibanco, con tódolos servizos integrados e sen cobro de comisións; o mesmo acontece en Francia.
Para evitaren o latrocinio os peregrinos prefiren pagar coas tarxetas, pero isto non é doado en todas partes. Unha boa solución sobre a marcha son as tarxetas de pago previo que se poden recargar, velaí a Mastercard que propón Correos a un prezo de 6 €. Para evitar el atraco los peregrinos prefieren pagar con las tarjetas, pero esto no es posible en todos los lugares. Una buena solución sobre la marcha son las tarjetas prepago recargables, como la de Mastercard que propone Correos a un precio de 6 €.
OS ATRANCOS MÁIS COMÚNS
Tendo en conta que os pés son os primeiros en padecer, e que os urbanitas xa non estamos afeitos, polo común, a camiñar longas distancias, as bochas van ser un dos primeiros tormentos. Ó redor dun 50% dos peregrinos as teñen padecido nalgún intre, e se ben na súa aparición pode influír o tipo de calzado e calcetíns que se utilicen, a causa adoita ser xenética, relacionada co suor e mailo tipo de pel. Xa que logo haberá que evitar ó máximo as rozaduras e a mala transpiración, e para elo é preciso secar ben os pés, non mollalos no verán en pías e ríos para refrescalos, e se as cousas van a peor recorrer ás sandalias de trekking nos tramos chans. Untarse pola mañá con vaselina tamén pode axudar, e aliviar os pés ó chegar en auga fría con sal, ou aplicando unha masaxe con alcohol de romeu, tamén. Unha volta que teñan aparecido hai varias solucións para secalas: dende os apósitos que venden nas farmacias, que non a todos van ben, coma picalas cunha agulla e fío esterilizados, deixando o segundo no interior para que poida drenar. Unha vez seca haberá que aplicar un desinfectante, pero sen recortar a pel.
A segunda problemática máis común ten que ver co peso que cargamos ás costas, en ocasións certamente excesivo. Acostumase fixar a regra de non superar na carga máis do 10% do noso peso, por máis que é unha receita sen fundamento que non ten en conta a condición física, que é o que importa. O peso e as dores de costas poden dar lugar a malas posturas, e estas a unha tendinite ou inflamación muscular. Se xa a tes, o médico vaiche dicir, por sistema, que fiques quedo cando menos dous ou tres días para relaxar o músculo. Tamén te pode receitar algún calmante ou unha venda elástica para os casos leves. Se non cesa, forzar a máquina pode resultar funesto; vai ser mellor que deixes o Camiño, por moito que te doa, e volvas noutra oportunidade.
Un terceiro perigo é o sol, fonte de vida pero tamén, tantas horas subxugados á súa radiación, de diversos problemas próximos e futuros. Evitar as horas centrais do día, levar protección solar axeitada e cubrir a testa cun chapeu é preceptivo para evitarmos a insolación e queimaduras, ó que se pode sumar un pano para o pescozo. Todo, dende logo, en función do tipo de pel de cada quen. E para os beizos barras de cacao, tamén útiles para a seca provocada polo frío.
En relación co anterior tamén pode xurdir a deshidratación, porque non se bebe o que se precisa. En xornadas de calor abafante temos que inxerir de 3 a 4 litros ó día, a poder ser auga nin morna nin fría de máis. Se estamos deshidratados ímolo percibir no mexo, espeso, escuro e cun cheiro intenso. Os mareos, e ata un esvaecemento, poden ser a consecuencia avanzada deste proceso tan doado de atallar. En certas etapas escasas en servizos e fontes convén ser moi precavidos e levar auga de abondo.
Outros problemas físicos comúns poden ser as escordaduras, ás que aplicar panos fríos ou vendas elásticas, e se non se solucionan acudir ó centro médico. As catarreiras, provocadas por oscilacións térmicas e molladuras, que deben ser atalladas a tempo. E outros procesos relacionados co esgotamento físico, ás veces con febre, case que sempre asociados ós excesos, ou sexa, a forzar a máquina, ou por falla de azucre, que poden dar lugar a mareos e taquicardias. Por fin, están os problemas asociados coa alimentación e mailas intolerancias e alerxias, cada vez máis frecuentes.
A bichería do Camiño pode chegar a ser un calvario para os peregrinos. Da ampla fauna de insectos teñen acadado merecida sona as percebellas, contra das que se desenvolve unha cruzada anual en todos os camiños. Pola nosa banda sempre aconsellamos inspeccionar colchón e somier do lugar no que vaias durmir, pois constitúe o seu acubillo predilecto, e manter os ollos ben abertos en aloxamentos que non destaquen pola súa limpeza, ou instalados en vellas construcións con moita presenza de madeira. Unha volta que nos teñan atacado, as súas picaduras diferéncianse das dos mosquitos ou ácaros por seren múltiples e seguiren ringleiras regulares. Que non se te pase polo maxín agochalas como se estiveras apestado, pódelle pasar a calquera, e fala cos responsables do aloxamento para que axiña tomen medidas, o primeiro, e laven a túa roupa, ou ben a más de 60º ou engadindo un tapón de amoníaco perfumado, e desinfecten a túa mochila. Hai quen tamén leva na mochila un aerosol específico contra as percebellas, e en moitos albergues non está permitido levar ós cuartos as mochilas, soamente o saco de durmir, a roupa para mudarse e mailos obxectos de aseo. Ás percebellas gústalles moito peregrinar, pero non a pé, senón dacabalo das nosas mochilas, así que ollo.
Xa temos falado dos ácaros e detectalos non é moi doado, se ben a maioría de albergues xa contan con colchóns que os repelen, pero tamén hai que citar, polo seu manifesto perigo e contrastada presenza en áreas rurais con animais e bosques, das carrachas. Este arácnido agarda a súa oportunidade para engarrarse na nosa pel (a modo cos pantalóns curtos e a testa e pescozo en zonas de risco), e ó picarnos anestésianos, polo que moitas veces nin nos decataremos. Cando cheguemos ó aloxamento convén facer unha exploración, xa que a carracha precisa permanecer en contacto co corpo cando menos 24 h para infectarnos. O seu perigo estriba en ser transmisor da bacteria que provoca a doenza de Lyme, que pode provocar grandes problemas de saúde. No caso de descubrirmos unha, é preciso adquirir axiña na farmacia unha pinza especial para extraela, por máis que tamén se pode quitar cunhas pinzas de depilar, xirándoa coma un parafuso no sentido oposto ás agullas do reloxo e tirando cara riba, aplicando logo un desinfectante. Se os seus ganchos ficaran prendidos na pel poderíanos provocar unha infección, que se vai manifestar tempo despois na aparición dunha coroa vermella grande. Os cans sen colares anti-parasitos poden ser portadores de carrachas, e o mesmo cabe dicir doutros animais.
Os accidentes de tráfico, certo que minoritarios, adoitan ter lugar en puntos negros do Camiño, debidamente sinalados nas guías (non os tomes como unha brincadeira), e tamén polo absurdo costume, alentado por divulgadores irresponsables, de camiñar denantes do abrente para coller cama de primeiro e evitar as horas de máis calor. Non está de máis que leves algún reflectante para dispolo na mochila, e nas xornadas con mala visibilidade ou néboa extrema a precaución en cruzamentos de estradas ou cando o itinerario coincida con elas. Aquí tamén é preciso lembrar a culpa das administracións, que en moitos casos balizan o Camiño por tramos perigosos, actitude que, na nosa opinión, e na de calquera avogado con oficio, pasa a convertelos en responsables subsidiarios do que puidera acontecer.
Teléfonos para a nosa seguridade:
SOS Europeo (emerxencias de calquera tipo as 24 h): 112.
Teléfono de urxencias e emerxencias sanitarias en España: 061.
Garda Civil (pobos e zonas rurais): 062.
Policía Nacional (entorno urbano): 091.
Policía Municipal: 092.
O Camiño é un espazo moi seguro polo que respecta á delincuencia, e os principais problemas teñen que ver cos furtos, sobre todo realizados por rateiros, que en ocasións se fan pasar por peregrinos. O que levemos de valor (documentación, tarxetas bancarias, diñeiro, móbil…) debe de estar sempre próximo, en faldriqueiras ou cintos pegados ó corpo baixo a roupa. Polo que atinxe á mochila, tampouco resulta aconsellable deixala en terrazas ou en áreas de lecer inmediatas a unha estrada, pois xa ten habido casos nos que pasa algún vehículo e as leva. Os roubos con violencia son excepcionais, pero convén ser prudentes ó transitar pola contorna de grandes cidades con arrabaldes conflitivos, e facelo na compaña doutros peregrinos. Por último, tamén temos sabido dalgúns casos de tentativas de agresións sexuais, que na meirande parte das situacións se poden resolver fuxindo, pedindo axuda ou defendéndose co bastón ou unha navalla. Non se recomenda, cando menos en España por ser considerada un arma, o uso de aerosois defensivos.
A COMPOSTELA
É o certificado de chegada que concede a catedral de Santiago a quen, supostamente, ten peregrinado a Santiago devotionis causa (por devoción, un voto ou unha promesa). No presente a súa evolución ten sido rápida, pasando a se converter nun souvenir -o seu valor é o que cada quen lle queira dar- ó que acceden todos aqueles que afirmen ter feito o Camiño por motivos ‘relixiosos ou espirituais, ou cando menos con actitude de procura’; ós demais dáselles un documento doutro tipo.
Outra esixencia, que ten favorecido a masificación nas derradeiras etapas, é o requisito de facer os 100 últimos km a pé ou dacabalo, ou os 200 últimos km en bicicleta, para obtela. A devandita norma, aprobada cando a penas había peregrinos ó xeito dun incentivo para promocionar o Camiño, ten xerado non poucas tensións entre os lugares emprazados antes e despois da máxica cifra, e que as axencias de viaxe inclúan o documento como un atractivo máis dos seus paquetes turísticos de curto percorrido.
Co gallo de evitaren as trampulladas, dende hai uns anos se esixe que cando menos se poñan dous selos por cada etapa na credencial (soamente nos derradeiros 100 km), pero as empresas que levan ós grupos organizados as saben todas, e teñen axentes que lles selan os lotes dos turistas que se desprazan en autobús e so realizan algún paseo polo Camiño.
A Compostela entrégase sen custe ningún, pero é posible dar un donativo. Os nenos que non teñan feito a primeira comuñón non poden acceder a este documento.
Para quen veña de lonxe e así queira facelo constar, dende 2014 existe tamén un certificado de distancia (3 €), no que figuran os quilómetros realizados e mailo punto de partida. Outra variedade é o documento in memoriam, tanto para os que teñen falecido facendo o Camiño coma para os que lles sexa dedicado por quen o realizou no seu lugar.
Ó redor da expedición da Compostela, único cómputo para ter unha idea aproximada dos peregrinos que cada ano fan o Camiño, o debate está aberto sobre a conveniencia ou non de manter os actuais requisitos: algúns teñen proposto elevar a distancia a pé a 300 km, a definida no seu día na orixe do Camiño dende Oviedo e León, e outros suprimir toda distancia. Entre mentres segue a manterse a ficción, cando o turismo ten tomado posesión do Camiño, duns peregrinos que teñen ‘visitado devotamente e con sentido cristián este sacratísimo templo’.
Ós anteriores papeis tamén se ten sumado, en 2018, un certificado para os cans, popularmente coñecido como Compostela canina (3 €), pero esta xa non a entrega a catedral, senón a Asociación APACA na súa oficina (Rúa das Fontiñas, 27).
DECÁLOGO PARA DESFRUTAR DA RUTA
1. Planificar con desmesura resta emoción á experiencia. Escoita ó Camiño e déixate levar por el en función do teu estado físico ou anímico, pero tamén dos lugares con engado ou dos encontros con outros peregrinos. Esquécete do reloxo.
2. Aprende a valorar a austeridade, e axiña vas comprobar as moitas cousas innecesarias que tes posto na mochila. Se es feliz con menos, para que te esforzas decotío por ter máis e máis?
3. Descobre un novo país que crías coñecer, ou un inexplorado, a cámara lenta e cos sentidos moito máis abertos, o que te vai permitir captar ducias de pormenores que doutro xeito pasarían inadvertidos. A intuición vaise reactivar fronte ó pensamento racional.
4. Valora tanto a soidade, precisa para atoparte contigo mesmo e pensar, coma a compaña, imprescindible para sentirte membro da nación peregrina. No Camiño nunca estarás só.
5. Bota unha man ós teus compañeiros e se solidario con eles, e non só por egoísmo para que fagan o propio contigo, senón por puro agrado. A solidariedade e maila empatía son dous dos grandes valores do Camiño.
6. Agradece o que te vai dando o Camiño, un día máis, outro menos, pero sempre algo novo. Un refrán repítese ó longo do itinerario: O turista esixe, o peregrino agradece.
7. O cansazo, os atrancos e mailos tropezos, que tamén chegarán dun ou doutro xeito, serán as verdadeiras probas que te farán medrar. O Camiño ensinarache a superar as probas, e a obter leccións positivas dende a adversidade.
8. Participa do rico simbolismo da ruta, dos seus lugares feiticeiros, das persoas que asesoran e guían ós peregrinos, dos rituais seculares, pois de todo elo conseguirás grandes exemplos de vida.
9. Non teimes de máis en resolver no Camiño un problema, ou atopar unha mensaxe, unha persoa ou o que sexa. Se procuras algo con cisma, e porfías na cuestión, é moi doado que non o atopes, pero se te deixas levar poderás descubrir alternativas inesperadas, e recoller máis do que terías podido maxinar.
10. Mergúllate a fondo nesta experiencia igualitaria, en certo modo utópica, que en moitas das súas manifestacións vai contra corrente da sociedade, pero mantente sempre cos pés na terra. O teu carreiro ha ser pisado, voando non se fai Camiño.
E cando a peregrinaxe remate, procura ter enchido a túa mochila de experiencias, consellos e sabedoría que poidas aplicar na túa vida cotiá. Se o Camiño ten entrado en ti, non o deixes endexamais saír.