Na procura do “Camiño das estrelas”

A prolongación do Camiño de Santiago ata Fisterra e Muxía constitúe, sen lugar a dúbidas, unha das experiencias máis transcendentais que todo ser humano pode chegar a experimentar ao longo da súa vida. Ao contrario do que se cre, este itinerario vinculado ao “Camiño das Estrelas” ten as súas orixes varios séculos atrás; concretamente na Idade Media, tal e como certifican numerosos testemuños orais e documentos que a historiografía nos foi legando.

Certamente, desde a doazón realizada en 1119 polo rei D. Alfonso VII ao Mosteiro de San Xulián de Moraime, onde deixou consignado: ‘ad victum et substentationem monachorum pauperum et hospitum perigrinorum advenientum’, pasando pola fundación en 1479 do Hospital de peregrinos de Nuestra Señora del Rosario de Fisterra, construído polo Licenciado D. Alonso García, a grande afluencia de peregrinos chegados desde os máis recónditos lugares do planeta co gallo de coñeceren esta bisbarra non deixou de ir en aumento.

Son moitos os motivos que poderían explicar este verdadeiro fenómeno social que envolto nun atraínte misterio e, desde a máis remota antigüidade, rodea o vello Finisterrae, ese limbo luminoso que anima a coñecer as súas paisaxes, o seu mítico e sedutor influxo, as súas embriagadoras lendas e tradicións que aínda hoxe habitan e perduran na memoria colectiva.

Mais, para alén da incuestionable influenza que de veras supuxo a tradición Xacobea no que atinxe ao auxe e impulso deste confín atlántico, como acabamos de ver, o certo é que desde tempos inmemoriais son incontables os visitantes que procurando dar resposta aos designios da súa propia existencia decidiron iniciar ese camiño vital rematando nestas afastadas terras.

Emprender o Camiño que vai de Santiago ata Fisterra e Muxía non é soamente rematar un camiño físico, material, nin portar ás costas unha mochila chea de farrapos, cos pés gastados de andar á intemperie. Antes ben o contrario. Chegar a este milenario lugar da fin da terra guiados apenas polo máxico ronsel das estrelas posúe unha significación especial de carácter moito máis íntimo, se callar semellante a unha aura na que se mesturan o existencial e o espiritual, un portentoso itinerario de luz e de paz que o fan único e insondable.

Case mil anos de historia testemuñan -e avalan-, pois así o reflicten documentos incunables, vellos libros e/ou antigos pergameos, a profusa peregrinación que ao longo dos séculos se foi desenvolvendo nesta nosa comarca, tan afastada dos núcleos de poder e, á vez, tan preto dos corazóns máis sensibles e afervoados.

Custodiadas na memoria dos tempos están estas terras, este mar, cada igrexa e cada ponte, cada manancial de auga, cada secular cruceiro. ‘Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo. Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros’, escribiu Castelao no seu libro As cruces de pedra na Galiza.

Se algún día, animoso camiñante, decides visitar estas esgrevias e agrestes paisaxes, tan cheas de luz e de misterio, farías ben en vires portando un espírito libre, observador e solitario, ansioso de descubrir non só o que poden ver os teus ollos cansos pola viaxe senón aquilo que vive dentro de ti, pero que aínda non sabías.

Velaí o verdadeiro tesouro, a túa meirande recompensa. Gárdaa ben, pois alumea. Ultreia!

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda