O Camiño de Santiago a Padrón

Consérvanse innumerables testemuñas e relatos de peregrinos de distintos países que dende a Idade Media seguían una arraigada tradición:  tras visitaren en Compostela as reliquias de Santiago, continuaban viaxe cara a Padrón para coñeceren a orixe da tradición xacobea, que establece que foi a esta localidade onde chegaron por mar a Galicia os restos do apóstolo arredor do año 44 despois de Cristo. Posteriormente tería sido levado nun carro de bois ata Compostela, onde sería enterrado no monte Libredón. Neste espazo, é sobre os seus restos mortais,  ergueuse a catedral de Santiago. O edificio de estilo románico foi construído entre os anos 1075 e 1211. Ao longo do tempo fixéronse numerosas ampliacións ata chegar ao resultado actual.

Por este motivo, a vila de Padrón é o epicentro da Tradición Xacobea, pois ademais de ser, tras Compostela, a segunda meta para moitos peregrinos, compartida con Fisterra e Muxía, é un dos poucos lugares da Península Ibérica onde a tradición sitúa a predicación do apóstolo Santiago, concretamente no monte Santiaguiño denantes de regresar a Xerusalén.

Padrón é tamén a última etapa dos peregrinos que seguen o Camiño Portugués a Santiago.

Referencias a Padrón no Codex Calixtinus (séc. XII)

O Códice Calixtino, texto referencial da tradición xacobea, non deixa lugar a dúbidas:

-O primeiro emperador paneuropeo, Carlomagno, viaxou ata Padrón: ‘Despois de ir visitar o sepulcro de Santiago, chegou  a Padrón sen achar resistencia e cravou unha lanza no mar, dando grazas a Deus e a Santiago por levalo ata alí, ao tempo que dicía que non puidera ir antes’. 

-Das sete portas de entrada á cidade de Santiago, só unha se cita como de saída: ‘… a quinta, Porta Falqueira que leva a Padrón’.

-O mesmo acontece coas igrexas da cidade. So unha se vincula cun camiño de saída da cidade: ‘… a sexta, a de Santa Susana, virxe, que está á beira do camiño a Padrón’.

Afonso XI de Castela

O Rei Afonso XI de Castela armouse cabaleiro na Catedral en 1332. De seguido o monarca partiu de Santiago e foi a Padrón en romaría ‘… porque a aquel lugar chegou o corpo de Santiago’.   

Rodrigo de Luna

O arcebispo compostelán Rodrigo de Luna (séc. XV), mellora as instalacións do hospital de peregrinos de Padrón. El mesmo explica o motivo: ‘Por canto os fieis cristiáns que con moita devoción visitan cada día nosa igrexa de Santiago, continuando as súas romarías ate a nosa igrexa de Padrón’.

Testemuñas de peregrinos

Temos moitas testemuñas de peregrinos que despois de chegaren a Santiago continuaban viaxe cara Padrón:

-Nompar II, señor de Caumont, 1417. Na súa guía para futuros peregrinos narra: ‘Este é un lugar [Padrón] a onde o Señor Santiago chegou por mar; o corpo e a cabeza chegaron separadas nunha barca de pedra, todo isto sen intervención allea, e eu vin a barca á beira do mar’.

-Sebald Ortel, de Nuremberg, Alemaña, 1522: ‘Partimos de Santiago o día de todos os Santos ao mediodía e chegamos a Padrón. Foron catro millas’.

-Os duques de Montpensier, despois de faceren a ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago, continúan viaxe cara a Padrón para veneraren o Pedrón. Chegan o 28 de xullo de 1852.

-O cardeal e arcebispo de Santiago, Martín de Herrera (1889 -1922), visitaba todos os anos o monte Santiaguiño. Durante o seu mandato fixéronse obras de acondicionamento en dito enclave.

-A inglesa Annette Meakin, conta no seu Diario de Viaxe de 1907 que aínda lle explican que ‘a maioría dos peregrinos, despois de ter cumprido con Santiago, ían a Padrón a ver o lugar a onde o corpo do apóstolo chegara a terra’.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda