despois do camiño
SABER MÁIS E MÁIS COUSAS DO CAMIÑO
Unha vez rematado o Camiño, sobre todo se non o tiñades feito antes, moitos ficaredes aguilloados pola curiosidade intelectual, e dispostos a devorar diversos tipos de información sobre a peregrinación compostelá. A escolma pode ser inmensa, e poderíamos pasar anos lendo sen parar noticias, artigos e libros das temáticas máis variadas: diarios, ficción, historia, arte, música, dereito, psicoloxía, gastronomía, e ademais sobre os diferentes itinerarios. E outro tanto cabe dicir sobre a produción audiovisual: música, documentais, series, películas… É, abofé, un xeito de manterse en contacto coa experiencia, por máis que en moitos casos chegarás a pensar que ti xa sabes máis cousas do Camiño do que outros te poidan contar.
PUBLICAR O MEU DIARIO DO CAMIÑO
De ningún modo podemos considerar que sexa unha mala idea, porque é algo que moitos peregrinos inquedos poñen en práctica, sobre todo a partires das redes sociais ou en forma de blogs. A necesidade xurde, por unha banda, da particularidade e intensidade da experiencia, por moitos peregrinos vivida como unha grande aventura, tanto que mesmo chega a ser valorada como unha das mellores cousas que se teñen feito na vida. Tamén é certo que hoxe en día somos moi individualistas, e que ás veces nos deixamos levar polo egocentrismo.
Xa que logo, pensa se en realidade vas aportar algo orixinal ou novo, porque certamente non ten moito sentido, narcisismo a parte, relatar de xeito fatigoso e repetitivo lugares comúns (álzome, fago a mochila, camiño, aliméntome, falo con outros peregrinos, chego ó albergue, conto algunha anécdota, durmo mellor ou peor, e volta a comezar!). A bo seguro que na túa lingua xa hai libros de abondo publicados, leos antes e despois tírate á piscina, mellor con auga.
PREPARAR O VINDEIRO CAMIÑO
O Camiño engancha.
O anterior é un lema moi espallado entre os peregrinos, pois unha volta que entramos na ruta, e participamos do ambiente que nela se respira e das súas claves, nos sentimos a un tempo engaiolados e abducidos. As razóns son diversas, pero é unha certeza que no Camiño se poden vivir de xeito indeliberado moitos ideais, en ocasións próximos á utopía, e que se manteñen valores que na sociedade teñan practicamente desaparecido. A un tempo é un espazo favorable para o encontro cun mesmo, para reflexionar e, dende logo, moi san para corpo e mente; neste senso acostumase aludir á ‘viaxe interior’.
A consecuencia é clara: hai unha chea de peregrinos que recuncan, e non so unha segunda vez, senón que regresan o Camiño decontino, sempre que se poida, posiblemente variando de itinerario.
Preparar o seguinte Camiño é unha agarda emotiva, e cada nova experiencia vai resultar sempre diversa, por máis que sigamos a mesma ruta, das precedentes.
REGRESAR COMO VIAXEIRO
Teño que volver para poder coñecer este lugar con máis fondura.
Outro propósito de todo peregrino curioso e con arelas culturais, xa que no Camiño non actuamos como turistas, e nin sequera tampouco como viaxeiros convencionais, e a miúdo carecemos de tempo e enerxía para visitarmos tantos monumentos, pobos, cidades, espazos naturais.
Hai peregrinos que nin sequera teñen oportunidade de coñecer o interior dos grandes monumentos declarados Patrimonio Mundial, así catedrais ou mosteiros, e isto a miúdo deixa un mal sabor da boca. Outros si que se deteñen, sobre todo os estranxeiros vidos de lonxe, nas cidades históricas, porque saben que non lles será doado regresar tendo en conta o custe do seu desprazamento.
En calquera caso, se volves ó Camiño para aprobar aquela materia pendente, é moi probable que o fagas como un viaxeiro cultural, raramente coma un turista.
MANTER CONTACTO CON OUTROS PEREGRINOS
Por suposto está a propia axenda de amigos, ás veces moi íntimos, que cada quen teña feito no Camiño. A eles poderíanse engadir outros moitos nas redes sociais, xa que hai unha chea de grupos activos do Camiño, por países ou linguas, que cada día intercambian información, comentan os seus puntos de vista e aportan cadansúa experiencia para que os demais poidan aproveitala.
O mundo do Camiño atópase moi vivo, folga dicir que os foros de American Pilgrims ou Camino Forum contan con milleiros de persoas inscritas.
SER MEMBRO DUNHA ASOCIACIÓN OU CONFRARÍA XACOBEA
Sería un banzo máis no compromiso persoal co Camiño. As confrarías teñen un carácter relixioso, e as asociacións son laicas, pero descontado o criterio devoto das primeiras, os seus obxectivos e prácticas son comúns.
Dende que en 1950 foi creada en París a Societé Française des Amis de Saint-Jacques de Compostelle, decana das asociacións xacobeas, centos delas teñen nado en España, Europa e o mundo, estando hoxe presentes nos cinco continentes. Moitas delas figuran no rexistro da Xunta de Galicia.
Achégate á máis próxima, ou á que posúa un estilo e actividades máis afíns cos teus intereses, e participa nela para revivires a peregrinación, divulgares o Camiño, axudares a outros peregrinos, balizares as rutas, traballares como hospitaleiro, etc.
PARTICIPAR EN CONCURSOS DE TEMÁTICA XACOBEA
Este é outro campo ateigado de posibilidades, pois tanto os organismos públicos coma as asociacións xacobeas convocan cada ano un grande número de concursos, entre os máis frecuentes os de relatos ou fotografía. [Enlace a Avisos]
ASISTIR A FOROS, SIMPOSIOS, ENCONTROS OU CONGRESOS DO CAMIÑO
É unha opción na terceira fase, indicada para espíritos non soamente curiosos e con vocación de deprender máis e máis, senón tamén participativos, para estarmos ó día sobre os avances da investigación e do debate sobre o fenómeno da peregrinación. Convócanse con bastante anticipación, para que se poida programar a viaxe e maila estadía, e en diferentes países do mundo. Máis aló do ámbito académico, as asociacións tamén adoitan organizar encontros de peregrinos por áreas. [Enlace a Avisos/Noticias]
SER HOSPITALEIRO VOLUNTARIO
Quero restituir ó Camiño unha parte do que me ten dado.
Outra frase clásica dos peregrinos máis comprometidos, que sempre falan de devolver unha parte, pois todo o ven como imposible, facendo algo polos demais peregrinos. Sobre este sincero agradecemento se ten alicerzado a moderna hospitalidade, da que unha catalá, Lourdes Lluch, foi precursora ó dedicar as súas vacacións, en 1990, a acoller peregrinos nunha casa que tiña alugado en Hornillos del Camino.
Dende entón os hospitaleiros voluntarios se teñen organizado en colectivos, se ben tamén hai albergues que os solicitan por libre. En esencia vas facer o que outros fixeron no seu día por ti: manteres o albergue limpo e en bo estado, informares ós que chegan, axudares no que se poida a quen o precise, preparares, se cadra, a cea e mailo almorzo, organizares algunha actividade ou visita para os peregrinos, transmitires os valores do Camiño e outros propios do estilo de cada albergue, etc.
A vivencia dos hospitaleiros, que é como estar no Camiño pero na outra beira do río, acostuma ser moi satisfactoria, e cada vez son máis os que recuncan, e mesmo aqueles que, por non teren traballo, ou se teren xubilado, se encargan por períodos máis longos dun albergue concreto, se ben o máis habitual é que se preste o servizo entre unha semana e quince días.
COLABORAR CON ANDANTES
Velaquí a última forma de seguirdes en contacto co Camiño que se nos ocorre. A falla dun foro, sempre desigual e pouco doado de xestionar, propoñemovos que nos fagades chegar os vosos escritos, comentarios e fotos, que publicaremos nunha sección titulada PEREGRINOS, sobre calquera asunto ou tema que consideredes de interese.