que é o camiño
A esta pregunta non se pode dar, hoxe en día, unha resposta categórica, pois o Camiño é, máis aló da súa historia e realidade física, o que ti mesmo queiras que sexa. Velaí uns trazos para centrar un chisco a cuestión.
O APÓSTOLO SANTIAGO
Falamos dunha personaxe histórica, pescador do mar de Galilea, fillo do Zebedeo e irmán de San Xoán, discípulo predilecto de Cristo e membro do colexio apostólico. En razón do seu carácter, o mestre chamouno Boanerges, verba aramea que quere dicir fillo do trono. A súa posición foi sobranceira e lle fixo participar en relevantes episodios da vida de Cristo, entre outros a Transfiguración do monte Tabor ou no prego da Horta das Oliveiras.
A súa predicación en Hispania carece de fundamento, e non é máis ca unha tradición que pretende xustificar, con posterioridade, a presenza do sartego. Os diferentes relatos fano desembarcar en Cartaxena e outros portos do Mediterráneo, e percorrer gran parte da Península Ibérica fundando sés episcopais. Entre as tradicións locais galegas contase o seu paso por Padrón, onde predicaría no Santiaguiño do Monte, e maila súa chegada a Muxía, onde a Virxe arribaría nunha barca de pedra para lle anunciar que debía regresar a Xerusalén. Un milagre semellante, que deu lugar a un gran centro de culto, é o do Pilar de Zaragoza.
TRASLADO DO SEU CORPO A GALICIA
Santiago padeceu martirio ó redor do 41-44 d.C., en que Herodes Agripa ordenou que fora decapitado. A partires de aquí comeza a Translación, que é o relato da viaxe que os seus discípulos fixeron co corpo santo a través do Mediterráneo, e remontando a costa portuguesa, ata a ría de Arousa e o Ulla, con desembarco en Padrón.
A versión definitiva desta viaxe, ateigada de aventuras e enganos tendidos pola malvada raíña Lupa, dona pagá daquel lugar de arribo, integra outros dous espazos próximos a Padrón: Dugium (Duio, Fisterra), onde residiría o rei ou legado que podía outorgar permiso de enterramento, e de camiño a ponte de Nicraria (Negreira), e mailo monte Illicino (Pico Sacro), no que ó final conseguen enxugar uns touros bravos para que tiren do carro que trasladaría o corpo ata o Libredón, a futura Compostela.
DESCUBRIMENTO E VICISITUDES DO SEPULCRO
A falla de noticias ou tradicións antigas fai pensar ós historiadores que o emprazamento da tumba na actual Compostela foi un proceso serodio, que tomou pulo pola urxencia da Reconquista (lembremos a figura do Santiago cabaleiro ou Matamouros), e que de feito sería Beato de Liébana quen, cos seus escritos, acabaría por xustificar o achado. Este aconteceu en tempos de Afonso II o Casto, rei de Asturias e Galicia, sendo Teodomiro bispo de Iria Flavia e Paio o ermitán que tiña vistas unhas luminarias, naquel lugar, ó redor do ano 830.
O rei desprazouse coa súa corte dende Oviedo, capital do reino, e mandou erguer sobre o mausoleo unha primeira igrexa. O seu sucesor, Afonso III, substituiría aquel templo por outro maior, estragado polo caudillo árabe Almanzor na razzia de 997 e reconstruído pouco despois.
Por fin é chegada a hora da construción da catedral románica que hoxe coñecemos, e daquela un feito que consideramos moi salientable, cando o arcebispo Xelmírez destrúe a parte superior do mausoleo para modificar o altar maior, algo impensable se tivese sido unha obra levantada polos discípulos como afirmaba a tradición, e ademais pecha a cripta ós fieis.
Tempo despois, perante a ameazadora presenza das tropas inglesas de Francis Drake e John Norris (1589), que atacan A Coruña, o arcebispo Sanclemente agocha con nocturnidade as reliquias. Delas non se volve saber ren ata que o tamén arcebispo Payá e Rico manda escavar baixo o chan da basílica ata que son atopadas en 1879. Tras dun proceso de verificación, a súa autenticidade foi ratificada por León XIII en 1884 (bula Deus Omnipotens), e a cripta volveu ser accesible tal e coma hoxe a coñecemos.
A PEREGRINACIÓN NA IDADE MEDIA
Non dispoñemos de moita información no que atinxe a cal podía ser o Camiño que seguían os primeiros peregrinos, dende data ben temperá vidos de alén os Pirineos, tal é o caso dun crego xermano e máis do bispo Godescalco de Le Puy, respectivamente chegados en 930 e 950. No século XI, porén, xa estaba expedito o Camiño Francés. Outros itinerarios vanse sumando á gran peregrinación, sobre todo na metade norte, e co avance da Reconquista dende todos os puntos da Península. En Europa tamén se configura unha complexa trama viaria que se canaliza a través de catro grandes vías en Francia, as de Tours, Vézelay, Le Puy-en-Velay e Arles.
Sempre se ten subliñado que a peregrinaxe compostelá superou ás de Xerusalén e Roma en número, pasando a converterse nun fenómeno de masas, pero nos últimos anos se ten cuestionado aquela multitude que, en verbas do embaixador árabe Ali ben Yusuf (1121), se desprazaba cara Occidente. O principal reparo é que Santiago era unha cativa vila, sen capacidade de acoller tal cantidade de peregrinos, e que a cifra de medio millón de almas, estimada nos anos santos baixomedievais, resulta dabondo esaxerada.
ESMORECEMENTO E RESTAURACIÓN
Diferentes acontecementos e conxunturas afectaron ó fluxo de peregrinos xa dende a Baixa Idade Media: novas ideas de formas de piedade, revolucións, guerras, pestes…
No século XVI a Reforma, pois Lutero combatía con ardencia as peregrinacións e mailo seu proveito, causou unha grande creba ó santuario compostelán, pero a Contrarreforma o volveu exaltar, e daquela é cando xorden a catedral e maila cidade barrocas, unha afervoada exaltación triunfal das glorias da Relixión. Ós peregrinos súmase daquela un notable número de pillabáns e esmoleiros profesionais, tantos que houbo que regulamentar o uso da indumentaria de romeiro e a estadía máxima nos hospitais e mesmo na cidade de Santiago.
Un segundo devalo, aparentemente definitivo, prolóngase trala Revolución Francesa e mailas guerras napoleónicas ó longo do século XIX. O liberalismo burgués non casa con esta expresión de piedade popular, as desamortizacións acaban con mosteiros, conventos e obras pías que sostiñan os hospitais, e a revolución dos transportes convirte o camiñar en oficio de indixentes.
Cando semellaba que os peregrinos eran xa unha imaxe do pasado, tocando fondo no ano santo de 1869, os arcebispos Payá e Rico, e Martín de Herrera, conseguen reavivar a laparada da devoción xacobea. Despois da Guerra Civil e da Ditadura franquista, nas que a figura do apóstolo Santiago volveu ser empregada a prol do poder, o último renacemento, do que agora mesmo formamos parte, comeza timidamente na Postguerra europea. Daquela son de novo enxalzadas as raíces comúns do continente, os valores que no seu día forxaron Europa, e a pingas van chegando peregrinos que realizan unha longa travesía a pé. A primeira asociación xacobea é fundada en París en 1950.
Nos anos 80 unha figura providencial, Elías Valiña, cura párroco do Cebreiro, converteuse en catalizador e animador deste proceso, á vez que en inventor da frecha amarela. As asociacións de Amigos do Camiño, herdeiras das confrarías de Santiago, colaboraron con el e deron continuidade a súa obra.
Un salto cualitativo ten lugar tralas dúas visitas, en 1982 e 1989, do papa Xoán Paulo II a Santiago, pero o cuantitativo debeuse á iniciativa da Xunta de Galicia, gobernada por Manuel Fraga Iribarne, ó crear o proxecto do Xacobeo, que se estrea no ano santo de 1993.
Dende entón e ata o presente, o Camiño ten experimentado un continuado crecemento no número de peregrinos, pero tamén unha mutación substancial no campo das motivacións, xa que unha nova concepción turística fai acto de presenza e se vai impoñendo, paseniñamente, co novo milenio. Esta circunstancia explica que teñan medrado tanto a experiencia de curto percorrido coma a multiplicación de itinerarios, algúns deles de nula relevancia histórica, e que teña xurdido a figura do turigrino.
É posible que actualmente esteamos nunha encrucillada que poida acabar por definir o futuro desta milenaria peregrinación, na que agora cohabitan dous mundos dispares, e tamén é posible que o intensivo aproveitamento comercial e turístico do Camiño de Santiago poida comezar a dar mostras de esgotamento nos vindeiros anos.
AS ESTATÍSTICAS
É certo que soamente temos un cómputo aproximado dende 1993, pois con anterioridade o sistema de rexistro era aínda feble, ofrecido pola Oficina de Peregrinación da catedral de Santiago. Porén, as cifras recollidas dende 1986 si recollen o crecemento, cun auxe un tanto artificial nos anos santos pola presenza de grupos organizados.
O seguinte cadro reflicte a escintilante evolución, a partir dos 2.491 peregrinos rexistrados en 1985-1986, ata os 347.578 de 2019, con cumios nos anos santos de 1993, 1999, 2004 e 2010:
O PERFIL DO PEREGRINO
Carecemos de estudos rigorosos que alicercen con claridade as motivacións dos peregrinos, en grande medida porque nós mesmos non adoitamos ser claros nas respostas, e en moitas ocasións chegamos ó Camiño cunha idea, e ó longo da ruta vai mudando.
En consonancia co concepto medieval do homo viator, peregrino deste mundo cara o Alén, a viaxe facíase por devoción, para dar cumprimento a unha promesa ou con carácter penitencial, se ben tamén é certo que a aventura sempre foi un importante aguillón, e que tamén houbo peregrinos profesionais, políticos, condenados por tribunais ou gallofos.
Na época actual, a dimensión relixiosa e católica do peregrino foi dando paso a unha concepción, dende os anos 80, máis europeísta e ecuménica, xenuinamente cristiá. Pouco despois, coa globalización tamén teñen desembarcado no Camiño outras interpretacións máis propias dunha espiritualidade difusa, enchoupada do gnosticismo, as correntes new age e outras ideas que cada quen consume á carta. O libro de Paulo Coelho, que a tantos peregrinos ten iniciado na maxia do Camiño, encaixaría nesta onda.
As respostas dos peregrinos, cando se lles pregunta pola causa para emprender o Camiño, tamén aluden a argumentos deportivos, culturais, de procura interior, aprendizaxe, encontro cos demais, superación, ecoloxía, etc.
Coa chegada do novo milenio desembarca a grande escala no Camiño o aproveitamento turístico, que se rexe por criterios de promoción, venda e rápido consumo: nada que ver coa concepción tradicional dos peregrinos, a través dunha ruta sagrada, e si co turismo verde, cultural, de sendeirismo ou de experiencias.
Unha das grandes novidades do terceiro milenio ten sido a internacionalización do Camiño de Santiago, que ten adquirido un grande creto xa non soamente en Europa, senón tamén noutros países de América, Asia e Oceanía. Dende 2012 os estranxeiros superan ós españois na suma global, e entre os principais países de procedencia hai algúns que poderían parecer ‘exóticos’, fenómeno debido ó boca a boca, na primeira vaga, pero tamén a modas xeradas por libros (Paulo Coelho, Hape Kerkeling, Kim Nam Hee), programas de tv o películas como The Way (Emilio Estévez, 2010).
Sen introducirmos ós españois, que en 2019 foron 145.350 peregrinos, as que figuran a seguir son as 19 nacionalidades con maior presenza no Camiño:
Un dato merecente de salientar, e que confirma o cambio de era, é que a partires de 2018 as mulleres comezaron a superar en número ós homes, hoxe en día un 51,15% fronte un 48,85%. Isto é algo que non tiña acontecido endexamais na historia da peregrinación.
Outras variables tamén marcan unha tendencia, así a hexemonía da peregrinación a pé fronte ós que empregan a bicicleta (medio case que residual) ou o medre imparable da peregrinación de curto percorrido, que se limita a cumprimentar os derradeiros 100 km exixidos para obter a Compostela, asociado á falaz idea dun ‘Camiño completo’. Como consecuencia do anterior ten minguado moito a distancia media percorrida por cada peregrino, que se en 2006 era de 472 km, en 2019 ten pasado a 304 km.
Asistimos, xa que logo e se atendemos á duración, a unha peregrinaxe de tres tipos: a de longa distancia, que se mantén entre os estranxeiros, con percorridos de ó redor dun mes e comezo en Pirineos, País Vasco, Sevilla ou Lisboa; a media distancia, na media dos 300-400 km, na que se emprega ó redor de medio mes, con Porto como principal lugar de partida; e maila curta distancia, inferior a unha semana, actualmente maioritaria e que ten en Sarria e Tui os seus bastións. Ó respecto un dato elocuente: o 53% dos peregrinos de 2019 soamente pisou Galicia.
MIL E UN CAMIÑOS
Se o aproveitamento turístico intensivo ten xerado masificación en certos tramos e épocas do ano, sobre todo a medida que nos aproximamos a Santiago, outro dos fenómenos recentes ten sido o da multiplicación desmesurada dos camiños supostamente xacobeos.
Posuídos pola febre da frecha amarela, en realidade do ouro, e tentando lexitimar os itinerarios de xeito antolladizo e nada científico, cada día xorden novas rutas, ligazóns e variantes entendidas máis como unha oferta de supermercado que como un serio proceso por recuperarmos as vías históricas de peregrinación. Non hai máis que revisar os nomes dalgúns destes camiños para decatarse de que estamos perante operacións de marketing, cun interese final centrado en favorecer ós lugares polos que pasa a riada de peregrinos e turistas.
O noso criterio ten sido o de recoller as rutas oficialmente recoñecidas, porque a cantilena do todo vale, e de que os camiños os fan os peregrinos, non concorda co criterio que guiou a recuperación das vías xacobeas nas últimas décadas. Un Camiño de Santiago non pode ser tal se non está alicerzado na perseveranza do tránsito de peregrinos ó longo do tempo, co apoio dunha infraestrutura viaria, de acollida e devocións igualmente duradeira. De nada vale ca un peregrino caprichoso, fora Herman Künig ou Diego de Torres Villarroel, o tivera recollido nunha guía ou diario, porque un gran non fai celeiro. Pero agora, segundo parece, está a trunfar o concepto liberal da autorregulación do mercado, a libre competencia entre destinos e o recurso á publicidade para captar clientes de calquera xeito, isto é, o todo vale.
Do anterior compréndese que o Camiño Francés, que nos primeiros anos do milenio aínda abranguía o 85% do total de peregrinos, no presente teña baixado ó 54,6%. Na situación oposta atópase o Camiño Portugués, que xa acada o 27,2% do total e medrando sen freo coa inestimable axuda do aeroporto internacional do Porto.
TEMPO DE XUBILEO
Adoitase afirmar que Calisto II instaurou en 1122, cada volta que a festa maior do apóstolo do 25 de xullo coincidira en domingo, o ano xubilar compostelán ou ano santo, que tería sido confirmado por Alexandre III por medio da bula Regis Aeterni (1179). Do mesmo xeito que acontece coa Porta Santa, semella que este privilexio para gañar a indulxencia plenaria tamén foi copiado de Roma, onde foi instituído en 1300, e que ata 1434 non se documenta a súa celebración en Santiago.
Máis aló da orixe, a periodicidade ten quedado establecida cada 6-11-6-5 anos, e o próximo Xubileo, tralo intervalo longo dende 2010, tocará en 2021; os vindeiros en 2027, 2032, 2043, etc.
A indulxencia plenaria ten un carácter sacramental, e nos anos santos prolifera a chegada de grupos puramente católicos de asociacións, confrarías, parroquias ou colexios, facendo mudar por completo o estilo dos anos ordinarios e medrar moito o número. Neste tempo tamén crece o número de españois fronte ós estranxeiros.
Pódese gañar a indulxencia plenaria aínda que non se peregrine a pé, pois chega con visitar a catedral, comungar e pregar polas intencións do Papa, e confesar 15 días antes ou despois de facelo.
CAMIÑO E META
A meta é partir. (Giuseppe Ungaretti)
Se o principal valor da ruta xacobea fora a meta, carecería por completo de sentido facer a pé tan longos percorridos. De feito, os peregrinos burgueses do século XIX seguían chegando á basílica, pero en tren ou dilixencia. Xa que logo, o ter recuperado un estilo de viaxe tan vagaroso e a miúdo fatigante non soamente responde a un sentimento historicista e romántico, ou a un gusto por facer sendeirismo, senón tamén a un novo xeito de entender o sentido da peregrinaxe.
O Camiño de Santiago pouco ten hoxe que ver coas rutas que conducen cara outros santuarios católicos afamados, onde tamén hai peregrinos que chegan camiñando, por exemplo a Fátima (Portugal) ou Guadalupe (México). No noso caso a meta, en moitos casos, se ten convertido soamente nunha desculpa para facer o Camiño, que é realmente o que importa.