Santiago de Compostela

Non deixa de resultar curioso que a experiencia na devecida meta, para unha meirande parte dos peregrinos se limite a recoller a Compostela, asistir á misa do peregrino, pescudar un pouco polo casco vello e darse un pracer gastronómico, cada quen conforme ás súas posibilidades, ó que engadir, se cadra, unha festiña de despedida cos compañeiros ata a noite.

Se lemos os relatos publicados por peregrinos, ou os consellos que nos damos nos foros, tamén se adoita apuntar a visita do mercado, un paseo de vagar pola alameda e, para os máis curiosos, algún ca outro monumento.

Xa que logo, Santiago non adoita ocupar máis dunha xornada, incluído o día de chegada, na axenda da maioría. As razóns son varias, e a primeira ten a súa causa na ausencia de tempo, pois hoxe en día prográmanse as vacacións moi apertadas no calendario, todo moi cronometrado. Ademais, a idea da meta para moitos é tal cal iso, un final no que a tensión da camiñada esvaece, medrando a certeza dunha volta á vida cotiá. Malia os desvelos de Turismo de Santiago, convén tamén lembrar que os peregrinos non somos turistas urbanos, deses que chegan ó destino para coñecer o todo o posible e pasar unha fin de semana aproveitando o tempo ó máximo, senón un viaxeiro que ten desfrutado por riba de todo do Camiño, e este xa rematou.

Os peregrinos continuamos a cumprir cos nosos rituais clásicos, algúns xa coartados (visita do Pórtico da Gloria), e ou ben regresamos a casa, ou deica o aeroporto que toque, para deternos tamén nesa cidade (Porto, Madrid…), ou ben proseguimos a Fisterra e/ou Muxía. Velaquí a experiencia canónica, malia que tamén temos escoitado a moitos dicir que teñen que tornar para coñecer máis a fondo Santiago, vontade tamén expresada noutras cidades monumentais da ruta que non houbo tempo de visitar.

Xa que logo, nos nosos consellos non imos recoller unha extensa e pormenorizada guía de Santiago, senón soamente algúns chiscos que poidan encaixar coas arelas dos diferentes tipos de peregrinos.

Sabemos que quen ten camiñado longas distancias non se atopa a gusto moito tempo parado, e tamén que os peregrinos sentémonos bechos raros nos ambientes urbanos.

No que atinxe ós composteláns, e sobre todo aqueles que teñen un trato directo cos peregrinos, deberían facer un esforzo para non mercantilizar en demasía a relación, equiparándonos a un turista máis, pois unha parte da valoración da experiencia, cando as emocións se atopan a flor de pel, vai depender dunha meta, que non destino, en moitos casos idealizada. De aí o risco de que se poida rachar o feitizo.

 

Citas peregrinas

-O flamante Centro Internacional de Acollida ó Peregrino (Rúa Carretas, 33, telf. 981 568 846, oficinadelperegrino@catedraldesantiago.es), funciona ó xeito dunha oficina ben organizada, con números de espera como en bancos ou supermercados, e ata un código QR para sabermos o tempo medio de espera, na que basicamente nos poñen o selo ‘final’ e nos entregan a Compostela. [enlace a Lo que tienes que saber]

Pola mañá, e máis aínda antes da misa do peregrino, adoita formarse máis cola que a mediodía ou no serán, pero isto depende moito da chegada de grupos, máis abondosos durante o verán. O horario de apertura: de Semana Santa a outubro de 8-20 h, resto do ano de 10-19 h. Soamente pecha 25 de decembro e 1 de xaneiro, datas nas que haberá que desprazarse á sancristía da catedral (da igrexa de San Francisco ata setembro de 2020).

No edificio hai unha capela para orar (pódese misar con reserva previa), un aparcadoiro para bicicletas, un xardín, por suposto aseos, e oficinas de Turismo, Correos, Renfe (compañía nacional de trens) e Alsa (empresa privada de autobuses).

-No caso de que non tiveramos previsto durmir na cidade, será boa cousa que depositemos a mochila nalgunha das moitas consignas dispostas a tal fin. Deste xeito estaremos máis lixeiros para nos mover polas rúas e entrar nos edificios. Lembremos que á catedral non se pode acceder con mochila, unicamente cunha pequena ou cun bolso de viaxe.

-Se xa reservamos un aloxamento, pero aínda non temos deixado nel a equipaxe, cómpre facelo canto antes polo mesmo motivo, e nos albergues a poder ser nunha taquilla con chave ou nun espazo pechado e/ou vixiado. Un furto a última hora podería botar a perder a nosa viaxe. Algúns aloxamentos dispoñen dun almacén, destinado ós seus clientes sen custe, para que poidamos gardar a mochila se proseguimos a Fisterra e/ou Muxía, o que nos permitirá cargar só o imprescindible.

-A misa do peregrino, coma a beizón de partida, é un rito axeitado tanto para católicos e cristiáns en xeral coma para persoas doutras relixións, e mesmo para agnósticos ou ateos, porque o seu valor estriba, máis aló da liturxia e da práctica sacramental, en agradecer a Santiago por ter podido chegar a súa casa.

Cada día ten lugar na catedral ás 12 h, a máis concorrida (procuremos ir con tempo ou quedaremos de pé), e ás 19,30 h. Na Oficina de Peregrinación é posible apuntarse, se aínda hai sitio, para realizar as lecturas. Ó longo da celebración dise o número de peregrinos chegados nas últimas 24 h e o punto no que temos comezado o Camiño. Se somos moi afortunados, e alguén pagou ese dia o botafumeiro, será unha apoteose.

Ata finais de 2020, por mor das obras de restauración do interior da basílica, a misa ten lugar na veciña igrexa de San Francisco, só ás 12 h.

Noutros horarios, e diversos templos da cidade, pódese acudir a outras misas orientadas ós peregrinos. Algunhas delas son celebradas, en determinados períodos do ano, en alemán, polaco, francés, italiano e inglés. Ver horarios de Liturxia. O compromiso da Igrexa coa lingua do país, a diferencia do que acontece en Cataluña, é fraco, e as únicas misas en galego teñen lugar os domingos e festivos en San Froitoso (10 h) e maila capela da Angustia (11,30 h).

-Ver voar o botafumeiro pola nave do cruceiro catedralicio, gobernado polos tiraboleiros entre mentres soa o órgano, é o soño de calquera peregrino.

 

…cando vexo o botafumeiro, o que estou a ver é o movemento do Universo. (Álvaro Mutis)

 

Ata 2017 estaba a funcionar tódalas tardes do venres, pago pola Asociación de Hostalería, a Cámara de Comercio e Turismo de Santiago, pero deixaron de sufragalo, e agora limítase ás grandes festas relixiosas, doce ó longo do ano:

· 6 de xaneiro. Reis Magos.
· Domingo de Resurrección.
· Festa da Ascensión.
· 23 de maio. Aparición de Santiago en Clavixo.
· Festa de Pentecoste.
· 25 de xullo. Martirio de Santiago, día grande das Festas da Cidade.
· 15 de agosto. Asunción da Virxe María.
· 1 de novembro. Todos os Santos.
· Finais de novembro. Festa de Cristo Rei.
· 8 de decembro. Festa da Inmaculada Concepción.
· 25 de decembro. Nadal.
· 30 de decembro. Translación de Santiago.

Tamén funciona cando ven un grupo ou excursión vip que o encargou e pagou, pero non se ofrece información sobre esta circunstancia; ata 2019 o prezo era de 450 €.

O bambeo sempre ten lugar, no contexto litúrxico, deica o final da misa das 12. Polo común, para evitar que os turistas veñan en masa soamente para ollar o ‘espectáculo’, non se permite a entrada unha vez que ten comezado a misa.

Ata que rematen as obras na catedral (a data prevista é setembro de 2020), non hai botafumeiro.

Aperta ó apóstolo. O acto máis íntimo para os peregrinos na catedral, que asemade causa furor mimético entre os turistas, por máis que eles endexamais poderán sentir a mesma relación especial con Santiago, é a aperta ó apóstolo. A imaxe do século XIII, disposta no seu camarín barroco e provista dunha esclavina de prata e xemas mexicana, galano do arcebispo Monroi en 1704 (substituída por unha copia en 2004), foi concibida para recibiren ós seus devotos coma un mestre, sedente na cadeira, do mesmo xeito que San Pedro en Roma.

O rito da aperta practícase dende o remate da catedral. No Medievo penduraba enriba da imaxe unha coroa que, de acordo cun ritual propio dos xermanos, os peregrinos cinguían na súa testa ó tempo que deixaban o seu chapeu na do apóstolo, acción que o facía variar de tocado, provocando gargalladas entre os congregados.

O contacto físico co sagrado é consubstancial á idea da chegada á meta, na que cada un de nós fala un instante en segredo con Santiago, por riba de todo para lle dar as grazas, elevar un petitorio ou lembrarlle o cumprimento dun voto, se ben cada quen saberá o que lle confesa.

As colas xeradas para realizar a aperta, ás veces baixo a chuvia ou un sol de xustiza, son memorables cando medra a presión turística, e a espera pode ser superior a unha hora. Nestas ocasións adoitase abrir, na Quintana, a Porta dos Abades, pola que só se entra na catedral para cumprir este rito e visitar a tumba, debendo logo saír pola porta da Acibechería.

Visita á tumba de Santiago. Por chocante que poida resultar, ou acaso pola levidade do tempo presente, moitos esquecen que baixo o altar catedralicio atópase a cripta, habilitada en 1885, onde se venera a arca de prata que contén as supostas reliquias de Santiago o Maior e mailos seus discípulos, Teodoro e Atanasio. Diante dela existe un reclinatorio para orar, pero non collen máis de tres persoas. A súa cola é sempre moito menor que a da aperta, o que daría moito xogo para analizar os valores do ‘peregrino’ contemporáneo, afervoado cultivador dos ritos lúdicos pero escasamente interesado polas reliquias.

Oración vespertina de Taizé. En la capilla del Centro Internacional de Acogida al Peregrino, del 15 de junio a 15 de agosto, a las 16,30 h. Se hace en español e inglés, con canciones de esta comunidad ecuménica francesa, creada por el hermano Roger y formada por protestantes, católicos y ortodoxos, que trabaja sobre todo con la juventud cristiana europea. Fuera de estas fechas consultar aquí.

Prego vespertino de Taizé. Na capela do Centro Internacional de Acollida ó Peregrino, do 15 de xuño ó 15 de agosto, ás 16,30. Faise en español e inglés, con cancións desta comunidade ecuménica francesa, creada polo irmán Roger e formada por protestantes, católicos e ortodoxos, que traballa sobre todo a prol da xuventude cristiá europea. Fóra destas datas consultade aquí.

Ó serán tamén se celebran unhas vixilias de oración denantes da misa do peregrino. Se estamos interesados podémonos informar na Oficina do Peregrino, pois non volverán á catedral ata 2021.

-É recomendable achegarse a algunha das oficinas de turismo para dispor dun plano da cidade con información dos seus recursos, e tamén para ter noticia da axenda cultural durante os días da nosa estadía, pois pode que nos depare algunha agradable sorpresa en forma de concertos ou exposicións.

-Un espazo de acollida pensado para a reflexión é a Pilgrim House (Rúa Nova, 19), local dependente dunha ONG relixiosa estadounidense que funciona, con voluntarios chegados daquel país, dende 2014. Dispón de consigna, lavandería, aseos, unha sala de meditación e un salón con wifi de uso libre. Organizan a diario o Grupo Camiño Debrief para intercambiar experiencias e falar sobre o Camiño interior. De marzo a outubro. https://bit.ly/2SfIZ6N

-Se por ventura foramos un dos dez primeiros en chegar á Oficina do Peregrino, convidaranos a un almorzo, xantar e cea no Hostal dos Reis Católicos, acordo que se mantén en lembranza da súa pasada condición como Hospital Real. Antes era preciso ir á recepción do parador cunha fotocopia da Compostela, pero agora pasou a converterse en algo automático. Os horarios das comidas son máis temperás que os habituais (o almorzo de 12 a 13 h, por exemplo), e fanse no mesmo comedor que utilizan os traballadores do parador. Se o conseguimos, máis doado en inverno, seremos moi afortunados, pois poucos son os elixidos.

-A algúns vailles resultar inaudito que unha cidade do tamaño de Santiago, na que acotío concorremos un grande número de peregrinos, non teña organizado algún tipo de actividade cultural, ou de intercambio e convivencia, concibida en exclusiva para nós, pero así son as cousas, parece que o que prima é o comercio. Esta acollida cálida, que si funciona en pequenos pobos ou puntos de partida como Le Puy-en-Velay, contrasta co desinterese manifesto de Santiago, un factor máis para explicar que o peregrino non prolongue a súa estadía.

O noso consolo é agruparnos cos compañeiros e amigos que temos coñecido ó longo da ruta e teñen chegado ó mesmo tempo ca nós; se non hai outras propostas, teremos que improvisar para crealas.

 

O imprescindible

Compostela, na súa beleza, ten sido forxada polos séculos e a golpe de bordón. E se ben é certo que non hai memoria a quen o tempo non murche, somos ditosos de podérmola admirar agora, practicamente rematada e perfecta, máis relucinte que cando a contemplou Don Gaiferos de Mormaltán.

A Catedral e os seus ritos. Polo de agora, como basílica de peregrinación, a catedral mantén a súa porta aberta a todos de 9 a 20 h. A visita se ten regulado no acceso ós espazos musealizados, que ademais do Museo Catedralicio co Panteón Real, Relicario e Tesouro, tamén abrangue o Arquivo (co famoso Códice Calixtino, roubado en 2011 por un electricista da catedral e recuperado ó ano seguinte), a cripta sobre a que se sostén o Pórtico da Gloria, Tribunas, Cubertas, as escavacións do subsolo e mailo veciño Pazo de Xelmírez. Dende 2019 a elos se ten unido, facendo perder sentido á interpretación global do templo, o Pórtico da Gloria.

A segregación do Pórtico ten sido consecuencia da insoportable presión exercida polo turismo de masas, non sempre respectuoso co patrimonio, e tomada tras concluír unha longa restauración que ten recuperado parte da súa policromía. Para contemplalo agora, soamente 15 minutos, é preciso desembolsar 10 €, prezo especial de peregrinos que tamén inclúe o museo. O horario é de 9-20 h, de novembro a marzo de 10-20 h, pero en tempada alta convén reservar.

O que ten concluído para sempre, xa dende 2009, é o rito de poñer a man na base do seu parteluz, ou a bater coa testa no Santo dos Croques, onde ás nais levaban ós seus meniños para que o ‘Mestre Mateo’ fora quen de lles transmitir a súa sabedoría. O segundo era un costume nado no século XIX, pero o primeiro tiña unha orixe medieval, e formaba parte do contacto co sagrado, tan emocionante para os peregrinos chegados á catedral.

Se puido ter mantido a práctica, malia que fora nun reducido horario previo á apertura do museo, reservada ós peregrinos de longo percorrido e incluso introducindo algún elemento protector na base da columna, pero non houbo a máis mínima sensibilidade ó respecto, avanzando un paso máis na irreversible musealización e mercantilización do templo.

Outros rituais desaparecidos foron os de tocar a punta da que se tiña por bordón de Santiago, disposto xunto co do peregrino San Franco de Siena, no interior dunha columna-relicario do século XV arrimada a un piar do cruceiro. A memoria xa se tiña perdido, e en 2017 foi trasladada ó Relicario, que forma parte do museo.

O mesmo cabe dicir da Cruz dos Farrapos, emprazada nas cubertas da catedral, onde é tradición que se queimaban as vellas roupas nun ritual que simbolizaba a purificación. Para vela é preciso apuntarse á visita das cubertas, polo de agora suspendidas, que costaba 10 € (prezo peregrinos).

Conserva un aura, motivadora da piedade popular, a Capela da Corticela, que era ‘parroquia de peregrinos, estranxeiros e vascos’, tal cal, e segue a manter esa singularidade. Varias parellas de peregrinos se teñen casado neste espazo nos últimos anos. Como lugar de pregaria e recollemento ten un estímulo na devoción á Virxe dos Milagres, pero sobre todo ó Cristo na Horta das Oliveiras, ó que os estudantes deixan os seus petitorio (agora non soamente eles) nun cesto.

Denantes de partir lembremos tamén a Porta Santa, pola que se accede á basílica ó longo do tempo de xubileo dende o século XVI. [enlace a Lo que tienes que saber] A acción exemplifica un rito de paso, para entrar en contacto co espazo divino, e no seu día inspirouse nun cerimonial que dera comezo no século XV nas basílicas de Roma. Con aspecto de porta trunfal barroca, na que nos reciben Santiago e mailos seus dous discípulos tocados á moda do século XVII, nela foron integradas 24 estatuas do coro pétreo románico do Mestre Mateo.

Dende 2003 a Porta Santa atópase pechada por unha folla de bronce de Suso León, e dende o ano santo de 2012, dado o pouco edificante fetichismo dos participantes na procesión, se suprimiu o tradicional costume da apertura, por parte do arcebispo, que cun martelo cerimonial esborrallaba o muro de cascotes que a pechaba. Agora ábrese, figuradamente con chave, e punto. En períodos de vacacións fórmanse de novo ante a porta longas colas; é como un malfado, polo que ó elixir as datas para facer o Camiño é mellor que o pensemos antes dúas veces.

-A Praza do Obradoiro. A máis famosa praza de Santiago atópase encadrada polo Colexio de San Xerome, hoxe en día Reitorado da Universidade, en posesión dunha portada gótica que formou parte do Hospital Vello de peregrinos; polo Hospital Real, agora Parador dos Reis Católicos, con fachada plateresca de principios do século XVI; pola fachada maior da catedral, obra barroca de Fernando de Casas e Novoa rematada en 1750, coas súas torres xemelgas alicerzadas sobre as medievais; e polo Pazo de Raxoi, Casa do Concello da cidade, obra neoclásica de gusto francés, xa que o seu artífice foi o enxeñeiro Carlos Lemaur.

Máis aló da contemplación de tantos edificios singulares, ós que sumar o Pazo de Xelmírez (interior dos séculos XII-XIII), a fachada do claustro catedralicio (século XVI) e maila igrexa da Angustia de Abaixo ou San Froitoso (século XVIII), para nós a praza é tamén o estar no que nos congregamos e atopamos. Un espazo para acougar e vivir emocións, ‘apertódromo’ de benvidas e adeuses, co non sempre desexado km 0 ocupando un lugar central no chan.

-As rúas dos viños. Non é cousa de hoxe, senón de toda época, festexar a fin da peregrinaxe dando boa conta do viño do país, e tamén doutras viandas da súa despensa. Na guía práctica aportamos ideas, pero é sabido que no casco vello as tabernas, mesóns e restaurantes concéntranse nas rúas do Franco, A Raíña, ó redor do Mercado e que, en xeral, aparecen espallados por toda a zona, tamén coa Rúa de San Pedro como alternativa. Hai quen prefire evitar o conxunto histórico, cada vez máis decantado cara o turismo, e se vai pola zona nova ou polos arrabaldes.

-O Mercado de Abastos. Está empoleirado coma o segundo lugar máis visitado da cidade, e non é mala escolla, porque ademais de ocupar un recinto neo-medieval no que os pavillóns teñen un aire de antigas basílicas paleocristiás, congrega moito do bo que Galicia esta a producir no eido da alimentación. A nave nº5 é un espazo gastronómico, e un dos seus locais funciona como cocedoiro, por unha módica cantidade, do marisco adquirido nas peixerías. Tamén hai unha viñoteca. Os martes, xoves e sábados acoden os produtores da comarca. Apertura: de luns a sábado, de 7-15 h, sábado ata as 16 h, luns ata as 14 h

-O Paseo da Ferradura. Accedese a el dende os xardíns da clásica alameda, e permítenos obter a imaxe máis fermosa da cidade. Nun dos seus bancos ficou sedente don Ramón María del Valle-Inclán, que tantas veces pasou por aquí admirando a catedral. O propio parque é un espazo ateigado de motivos e curiosidades, como o colorista monumento das Marías, destinados a seren descubertos.

 

As nosas suxestións

-Coñece o Museo das Peregrinacións. Constitúe unha mostra de interese para un peregrino amante da cultura, porque nos convida a mergullarnos, a través da arte, no fenómeno histórico do que agora somos protagonistas. Programa boas exposicións temporais e no último andar conta cunha cafetería panorámica sobre a catedral. Visita: de martes a venres de 9,30-20,30 h, sábado de 11-19,30 h, domingo e festivos de 10,15-14-45 €. Prezo peregrinos: 1,20 €. De balde os sábados dende as 14,30 h.

-Se gustas do barroco non o penses máis: San Martiño Pinario. É o edificio coa planta máis extensa do casco vello, na súa orixe unha abadía bieita e na actualidade Seminario Maior, Biblioteca, Arquivo e Hotel. Visítase a súa monumental igrexa manierista, cos altares e mailo cadeirado barroco, ós que se engadiu o cadeirado da catedral (século XVII), todo elo restaurado con aloumiño. A diario de 10-20 h, e de novembro a maio de 11-19 h. Prezo peregrinos: 3 €. Se queres coñecer o seu claustro procesional (século XVII) non te cortes, entra na cafetería do hotel e tómate algo na súa terraza.

-Os parques urbanos vante permitir recuperar, cando menos en parte, ese ambiente natural que todo o peregrino bota de menos para oxixenarse, deitarse na herba ou merendar: 1. A Carballeira de Santa Susana, antano espazo no que se celebraba a feira, e rodeado polo Paseo da Ferradura e maila Alameda, é un tradicional bosquete galego coma os que fan compaña a tantos santuarios e ermidas do país; 2. Bonaval, singular enclave que incorpora parte da horta conventual dos dominicos, e tamén o que foi camposanto municipal, do que se manteñen as tumbas, iso so, valeiras; 3. Vista Alegre, pequeno e xeitoso, que foi xardín burgués e privado dos Simeón, coa súa vila de comezos do século XX, o Museo de Historia Natural e un estraño edificio da Sociedade de Autores; 4. Galeras, veciño do anterior e regado polo río Sarela, irmán menor do Sar, con moita herba para nos tombar; e 5. Belvís, formado nunha valgada entre o casco vello e o mosteiro de Belvís e Seminario Menor, onde cada martes ó serán se desenvolve un mercado ecolóxico.

-Faite devoto dos cafés de Santiago. Hainos clásicos a rabiar como o Derby, decano da urbe, pois foi inaugurado en 1929; ou o Casino, local do século XIX que pertencía a unha sociedade de lecer, dende 2002 aberto ó público. Outros, tal o Literarios, son ante todo un miradoiro sobre A Quintana e a catedral. Pero se o que procuras é un engaiolante xardín, o teu lugar é o Costa Vella; tamén en medio do arboredo, e mesmo cun carballo no seu interior, na Alameda contamos co vangardista Ferradura. Dos veteranos citar o Recantos, coa súa terraza interior e boa música; máis alternativos e de estudantes La Flor, a pé de Camiño Francés e con bonito deseño, e Tertulia, na saída da Prolongación a Fisterra.

-Entra na igrexa de Salomé. Por citarmos un templo antigo, e ben integrado na ringleira de soportais da Rúa Nova, que preservou ese aire popular e rural. Na portada vedes unha inxenua Anunciación gótica, coa preñez da Virxe moi ostentosa, e nun retablo do interior uns curiosos anxos con gafas.

Aquí é valido aquelo de ‘cando a Roma foras, fai o que viras”, pois Santiago tamén é meta de peregrinaxe, e se os naturais gozan a diario das súas tabernas, viños y cervexas, no seremos nos quen os ofendamos pedindo camomila.

-E se queres un baño de cultura visita o Museo do Pobo Galego, e de paso o CGAC. Dobre ración para coñecer, en primeiro lugar, o gran museo que recolle os testemuños materiais da Galicia tradicional: o mundo rural e mariñeiro, a casa, os oficios, as crenzas…, pero tamén un tesouro que causaba abraio nos viaxeiros do pasado: a tripla escaleira de caracol de Domingo Antonio de Andrade (1700). E todo elo sen esquecer a igrexa gótica mendicante de San Domingos, co Panteón de Galegos Ilustres onde, entre outros, repousan Rosalía de Castro ou Castelao. Visita: de martes a sábado de 10,30-14 e 16-19,30 h, domingo e festivos de 11-14 h. Prezo: 3 €. De balde as mostras temporais e maila igrexa.

O Centro Galego de Arte Contemporánea-CGAC ten valor tanto en si mesmo polo contedor, deseñado por Álvaro Siza Vieira, premio Prizker de arquitectura 1992, coma polas exposición temporais. Visita: de martes a domingo de 11-20 h. De balde.

-Queres levar unha lembranza material da cidade? Sentémolo, non te imos aconsellar nin imáns, nin cuncas con frases enxeñosas, nin bruxiñas da sorte, nin camisetas de baratiño, senón o que é máis tradicional e artesán na cidade: a prata e mailo acibeche. Oficios seculares, produtos non tan caros como puideran parecer, a través de deseños clásicos, medallas ou amuletos como figas para botar fora o meigallo, de feitura céltica ou modernos, hainos para todos os gustos.

-De non ter vido polos camiños de Ourense ou do Sil, achégate á excolexiata de Sar (aberta de 11-14 e 16,30-19,30 h, 2 € ou incluída na visita do Museo e Pórtico da Gloria), a 15 min a pé dende o centro. Verás as rechamantes columnas tortas do seu templo románico, que posúe tres naves, e un á do claustro románico, feito polo obradoiro do Mestre Mateo.

Cidade da Cultura. Entre mentres discuten se poñen ou non un teleférico para chegar directamente a ela dende a estación intermodal ou a Praza da Constitución, tralo Parlamento de Galicia, digamos que o seu interese estriba no controvertido e custoso complexo, concibido polo estadounidense Peter Eisenman, que ficou sen rematar, e sobre todo polas mostras temporais do seu programa cultural. Pódese chegar coa liña 9 do autobús urbano, que pasa cada hora de luns a venres, e sábado pola mañá (paradas da Serna, Virxe da Cerca ou Porta do Camiño, 1 €), e o sábado serán e domingo coa C 11. Apertura: de 11-23 h; o Museo Centro Gaiás, que é onde se localizan as exposicións, de martes a domingo de 10-20 h (sen costo). Tamén poderás ver as dúas torres de John Hejduk (2002), inspiradas nas da catedral.

Senda do Sarela. Por se botas de menos os paseos polo bosque, Santiago agocha, no bordo da cidade, esta sorpresa, unha senda fluvial entre muíños e antigas curtidorías con mesto arboredo. De Ponte Sarela ó Carme de Abaixo serán 30 minutos de marcha baixo amieiros, salgueiros, bidueiros, carballos e castiñeiros, un luxo!

Casa Manolo. Non temos costume de recomendar restaurantes neste capítulo, pero sempre hai excepcións á norma, porque Casa Manolo, na Praza de Cervantes, é toda unha institución para os peregrinos, de case que tan obrigada visita coma a catedral. O seu segredo: un económico e variado menú do día con moitos pratos a elixir. Colas aseguradas en tempada alta, máis a mediodía que na cea.

O Ensanche. Como di Sabina, aquí o peregrino pódese sentir, máis ou menos, coma un toureiro na outra beira do pano de aceiro, pero se o visitas poderás coñecer a outra cara da lúa, perdoando, de Santiago. Edificios altos de máis, moito formigón e pouco verde, pero locais nos que se tapea de balde aínda moi ben.

-Para despedirte da cidade nada mellor que frecuentar algún dos pubs do casco vello, que os hai con moita personalidade: O Galo d’Ouro, cunha xa mítica gramola; o histórico Modus Vivendi, nas cabalarizas dun pazo; a Casa das Crechas, para escoitar música folk ou tradicional; A Carrilana, no que foi un antigo almacén de dilixencias; o Atlántico, outros dos incombustibles, cos seus cócteles; o Momo, que reproduce no seu interior unha rúa e conta cunha terraza con vistas a Belvís…

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda